Juana de Ibarbourou

Poetisa uruguaia de alma galega
Juana de Ibarbourou

O seu nome era Juana Fernández Morales, pero fíxose chamar Juana de Ibarbourou, despois de casar á idade de vinte anos co capitán maior do exército (de orixe vasca) Lucas Ibarbourou. Segundo diversas versións, naceu o 8 de marzo de 1892, aínda que ela mesma proclamaba ter nacido en 1895. Filla de Vicente Fernández, galego natural de Vilanova de Lourenzá (Lugo) que emigrara ao Río da Prata na década dos anos oitenta do século XIX, establecéndose na cidade de Melo, no Departamento de Cerro Largo. A súa nai, Valentina Morales, pertencía a unha das familias españolas máis antigas do Uruguai.

Da súa nenez e xuventude, transcorridas na mesma cidade de Melo e ocasionalmente nos campos dos arredores, coñécese relativamente pouco. Algúns detalles proveñen dela mesma, por referencias no seu libro Chico Carlo. Cursou estudos primarios nunha escola pública de Melo, que actualmente leva o seu nome literario, e secundarios nun colexio relixioso. Interesouse, así mesmo, pola aprendizaxe do idioma francés que, nesa época, era o segundo idioma preferido polos que procuraban acceder a un superior nivel cultural.

Segundo algúns cronistas literarios, foi a súa mestra de francés a que, percibindo a súa precoz inclinación á poesía, facilitoulle o acceso a algúns poetas franceses de moda; especialmente Anne de Noailles, a obra desta autora ten forte influencia na súa formación literaria e na súa obra inicial. Tamén se menciona na súa orientación cara á literatura versificada, o influxo do seu pai, quen, segundo ela mesma relatara no discurso de entrada da Academia Nacional das Letras: “Era español mi padre, y bajo el rico dosel del emparrado solía recitar enfáticamente los cantos de Espronceda y las quejas de su nemorosa Rosalía de Castro. Nunca conocía fiesta mayor. Y ahí está lo que puede llamarse el génesis de mi vocación poética, o, con más propiedad, el comienzo de su ejercicio”.

A partir da súa voda en 1914, durante os seguintes catro anos, seguiu os destinos de servizo do seu esposo, residindo en diversas localidades do país: Rivera, Tacuarembó, Rocha, Canelones. Ata que, en 1918, establecéronse definitivamente en Montevideo, nunha modesta vivenda situada na rúa Asilo, no barrio de La Unión, posiblemente por estar preto da unidade en que servía Ibarbourou. Nestes anos publica unha serie de poemas en xornais da cidade de Melo co seudónimo de Jeannette d’Ybar.

Acadou unha gran popularidade no ámbito hispano falante polos seus primeiros libros de poemas. As súas dúas primeiras coleccións de poemas, de estilo modernista, foron Las lenguas de diamante (1919) e El cántaro fresco (1920), obra en prosa. Tiveron repercusión internacional e foron traducidos a varias línguas, ao igual que outros poemas que lles seguirían. A orixinalidade do seu estilo consistiu en unir o rico cromatismo con imáxenes modernistas, dándolle un sentido optimista da vida cunha linguaxe sinxela. A partir de entón publicou máis de trinta libros, a maior parte deles foron coleccións de poesía, como Raíz Salvaje (1922), ou La rosa de los vientos (1930). Escribiu tamén memorias da súa infancia como Chico Carlo (1944), e un libro para nenos.

A súa ampla popularidade fíxoa merecente do alcume de “Juana de América”, sendo proclamada como tal o 10 de agosto de 1929, no Salón de los Pasos Perdidos do Palacio Legislativo de Montevideo nun acto multitudinario que contou coa presenza do escritor mexicano Alfonso Reyes e o poeta uruguaio Juan Zorrilla de San Martín.

Ademais da súa consagración como “Juana de América”, recibiu numerosos recoñecementos: no ano 1931 o seu libro La rosa de los vientos foi distinguido na cidade suíza de Xenebra, coa Orden Universal del Mérito Humano. En 1935 recibiu a Medalla de Oro de Francisco Pizarro, no Perú. En 1947 foi elixida membro da Academia Nacional de Letras, con medalla de ouro. No ano 1959 foille concedido o Gran Premio Nacional de Literatura, que se outorgaba por primeira vez.

Os seus últimos anos viviunos soa e recluída nunha antiga residencia solariega situada na Avenida 8 de octubre fronte á rúa Mariano Moreno, nos límites do barrio de La Unión de Montevideo, onde faleceu o 15 de xullo de 1979.

Obra de Juana de Ibarbourou

Las lenguas de diamante 1919

Cántaro fresco 1920

Raíz salvaje 1922

Ejemplario 1927, libro de lectura para niños

La rosa de los vientos 1930

Estampas de la Biblia 1934

Loores de Nuestra Señora 1934

Chico Carlo 1944, cuentos autobiográficos de la infancia

Perdida 1950

Azor 1953

Mensaje del escriba 1953

Romances del destino 1955

Oro y tormento 1956

Canto rodado 1958

Los mejores poemas 1968, Antología de su producción lírica

Juan Soldado 1971, colección de dieciocho relatos

Bibliografía: 

VV.AA: "Revista del Centro Gallego de Montevideo", nº 132, xaneiro de 1928, p. 25.

ZUBILLAGA BARRERA, C.: Los Gallegos en el Uruguay. Apuntes para la historia de la inmigración gallega hasta fines del siglo XIX Ediciones Banco de Galicia, Montevideo, 1966, pp.164 a 167.

ZUBILLAGA BARRERA, C. A.: Páginas gallegas de Juana de Ibarbourou Buenos Aires : Ediciones Centro Lucense, 1968.

FELICIANO MENDOZA, E.: Juana de Ibarbourou, oficio de poesía Editorial Universitaria, Universidad de Puerto Rico, 1981.

VV.AA.: "Ecos da Terra. Órgano Oficial de Casa de Galicia en Montevideo nº 15, outubro de 1991, p. 70-73.

SUÁREZ SUÁREZ, M.: Lonxe de Montevideo. Ed. Coordenadas, Santiago: 1996, p. 29.

Fotografías

  • Billete de Ibarbourou1
  • Retrato de Juana de Ibarbourou
  • Fotografía de Juana de Ibarbourou
  • Fotografía de Juana de Ibarbourou
  • Fotografía de Juana de Ibarbourou
  • Fotografía de Juana de Ibarbourou

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
3208 lecturas