Swiss comezará a voar de forma directa entre Santiago de Compostela e Zürich dende o 2 de xullo

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2014.

A aeroliña de bandeira suíza Swiss vén de presentar os seus plans de expansión para o 2015 no aeroporto de Zürich e entre os seus obxectivos proponse ampliar a súa rede de destinos europeos que mellores a súa conectividade no devandito aeroporto suízo. O aeroporto de Santiago de Compostela inclúese no devandito plan de expansión e a aeroliña incluíuno xa na súa rede de traxectos xunto con Bilbao e Porto como únicas novas rutas dentro da Península Ibérica.

Swiss Airlines ofrecerá 3 voos semanais directos entre Santiago de Compostela e a cidade suíza de Zürich dende o próximo 2 de Xullo sendo os martes, xoves e sábados os días de operacións. A ruta será operada cunha aeronave do consorcio aeronáutico europeo Airbus do modelo A320 con capacidade para 136 pasaxeiros e pasaxeiras.

Os voos da aeroliña encóntranse xa á venda nas canles oficiais da aeroliña - tanto na súa páxina web coma na súa aplicación móbil - así como en axencias de viaxes dende só 65 € por traxecto na ruta Santiago-Zürich podendo conectar a ou o pasaxeiro con toda a rede de rutas internacionais que a aeroliña ofrece no devandito aeroporto. Os horarios de voo varían segundo o día de operacións tendo programada a súa saída dende a capital galega os martes ás 15,20 h., os xoves ás 20,30 h. e os sábados ás 14,55 horas. En calquera dos casos, o tempo considerado de voo é dúas horas e dez minutos.

Como compañía pertencente á alianza Star Alliance, o seu desembarco no aeroporto de Santiago de Compostela o próximo verán, non só supón un revulsivo para o sector turístico se non tamén a chegada do Grupo Lufthansa á terminal compostelá de Lavacolla. Aínda que a aeroliña presentou a ruta esta mañá en rolda de prensa en Zürich como unha conexión estratéxica para o próximo verán, polo momento non se descarta que a ruta chegue a operarse todo o ano tendo en conta a boa saúde da que gozan as conexións aéreas entre Santiago e Suíza.

Zürich convértese así no aeroporto internacional con maior volume de voos directos dende Santiago de Compostela grazas á incorporación de Swiss Airlines a esta ruta xa que se alcanzarán os nove voos semanais na tempada de verán -6 da compañía Vueling e 3 de Swiss -.

 

Fonte e foto: santiagoaeropuerto.com

668 lecturas