Santiago Camba salienta o compromiso da Xunta cos emigrantes galegos para que en todas as viaxes “á nosa terra estean amparados pola cobertura do Servizo Galego de Saúde”

O Secretario Xeral da Emigración recibiu este mércores a 135 participantes nos programas "Reencontros na terra" e "Ven a Galicia, ben en Galicia".

Sinala que coa tarxeta Galicia-saúde exterior se cumpre o desexo, “tantas veces defendido, de que todos os galegos residentes no exterior conten coa máxima cobertura nas súas viaxes a Galicia”.

Agradece o traballo dos emigrantes que contribuíron tanto a “edificar as sociedades” nas que desenvolveron a súa vida como a traer beneficios “económicos, culturais e formativos” aos seus lugares de orixe.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, recibiu este mércores, no Museo do Pobo Galego, aos 135 participantes na segunda edición dos programas "Reencontros na terra" e do programa "Ven a Galicia, ben en Galicia 2010", cos que a Xunta, dixo, cumpre “unha promesa do Executivo autonómico: que todos os emigrantes galegos, nas súas viaxes á nosa terra, estean amparados pola cobertura do Servizo Galego de Saúde, nas mesmas condicións que calquera residente en Galicia”.

Santiago Camba lembrou que, se ben os emigrantes galegos residentes en España e en Europa xa contaban con esta cobertura, non era así no caso dos emigrantes residentes en América. Por iso, dixo, “hoxe con esta tarxeta Galicia-saúde exterior cúmprese o desexo, tantas veces defendido, de que todos os galegos residentes no exterior conten coa máxima cobertura nas súas viaxes a Galicia”.

Na súa intervención, o secretario xeral da Emigración destacou ante os beneficiarios dos programas "Reencontros na terra" e "Ven a Galicia, ben en Galicia", que conforman “o crisol da emigración galega”, que esta é unha boa ocasión “para reencontrarse coa terra na que cada un naceu e tamén cun mesmo, con aqueles recordos que se levan no máis profundo do corazón e que vos fixeron sentirvos intensamente galegos, alá calquera que sexa o lugar no que vivides”.

“A vosa presenza fálanos dun pasado de dignidade, de fortaleza co que se superou o sentimento de dor dos recordos e da ausencia”, engadiu Santiago Camba incidindo en que este é o momento “de sentir que os fillos de Galicia formamos parte dunha comunidade cultural e identitaria baseada nos mesmos valores e coas mesmas esperanzas”.

Santiago Camba quixo recoñecer o inmenso traballo dos emigrantes galegos que tiveron que emigrar deixando atrás a súa terra e que contribuíron “a edificar as sociedades” nas que desenvolveron as vosas vidas “exemplares”, pero que tamén reverteron “beneficios económicos, culturais e formativos” aos seus lugares de orixe.

“Todos e cada un dos galegos no estranxeiro constitúen a mellor embaixada para estas terras”, aseverou o secretario xeral da Emigración animando a todos os participantes en "Reencontros na terra" e "Ven a Galicia, ben en Galicia" a que desfruten destes días e a que, ao regresar ao seu país, leven ás súas familias e achegados “o afecto e agarimo de Galicia e dos galegos” e a sensibilidade do Goberno da Xunta “cos problemas que lles afectan aos nosos paisanos que viven lonxe, traballando, día a día, por todos os galegos do mundo, estean onde estean”.

135 participantes
Na recepción desta mañá participaron un total de 135 persoas. Delas, 58 son beneficiarios da segunda edición do programa "Reencontros na terra" e proceden de Arxentina. As outras 78 persoas son beneficiarias do programa "Ven a Galicia, ben en Galicia" e proceden de Andalucía (4 persoas), de Canarias (3 persoas), de Castela León (4 persoas), de Cataluña (17 persoas), de Euskadi (46 persoas) e de Francia (3 persoas).

1472 lecturas