Feijóo viaxará a México, Perú e Colombia para seguir avanzando na internacionalización das empresas galegas e nas relacións comerciais cos países americanos

O titular da Xunta, que viaxará acompañado do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitará desde o venres 13 de febreiro ata o mércores 18 os tres países, onde manterá diversos encontros empresariais e numerosas reunións institucionais do máis alto nivel.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2015.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, iniciará o vindeiro venres 13 de febreiro unha viaxe institucional aos Estados Unidos Mexicanos, á República do Perú e á República de Colombia para seguir avanzando na internacionalización das empresas galegas e nas relacións comerciais cos países americanos.

O titular do Goberno galego, que viaxará acompañado do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitará ata o mércores 18 de febreiro os tres países onde manterá diversos encontros empresariais e numerosas reunións institucionais do máis alto nivel.

O venres 13, Feijóo viaxará aos Estados Unidos Mexicanos onde, entre outros encontros, a axenda do presidente completarase cunha xuntanza co secretario de Desenvolvemento Territorial e Urbano de México e co Gobernador de Puebla, estado que destaca polo sector da automoción.

O domingo 15, o responsable do Goberno galego chegará a Lima, onde ademais de reunirse co empresariado autóctono, manterá diversas reunións entre as que destacan un encontro co ministro da Produción da República do Perú, Piero Ghezzi Solís.

Na xornada do martes e ata o mércores 18 de febreiro, o presidente da Xunta manterá diversas reunións en Bogotá para analizar as oportunidades de negocio entre Galicia e Colombia. Durante a súa estancia, Feijóo manterá reunións con diversos membros do Goberno, así como encontros con empresarias e empresarios do país e co presidente da Asociación Nacional de Empresarios.

Ademais de resaltar o carácter estratéxico que en Galicia teñen terreos como o forestal, o turismo, a xestión de servizos ou as novas tecnoloxías, a viaxe servirá para afondar en materias como a pesca, a automoción e as TIC, e en sectores como o agroalimentario, a enxeñaría e a construción.

934 lecturas