Emigración lembra que nos próximos días remata o prazo para solicitar as axudas para o funcionamento dos centros galegos do exterior e o desenvolvemento das actividades sociais e culturais

Esta convocatoria conta con tres liñas: gastos de funcionamento, axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude e un terceiro de axudas para accións de especial relevancia.

Emigración destina a estas axudas 1,35 millóns de euros
Emigración destina a estas axudas 1,35 millóns de euros
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024.

A Secretaría Xeral da Emigración lembra que nos próximos días remata o prazo para solicitar as axudas para o funcionamento dos centros galegos do exterior e o desenvolvemento das actividades sociais e culturais.

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 16 de xaneiro a nova liña de axudas para as entidades galegas do exterior que contará cun crédito orzamentario de 1,35 millóns de euros e que se destinará a axudar ao funcionamento dos centros galegos do exterior e o desenvolvemento das actividades sociais e culturais.

Esta convocatoria conta con tres liñas: gastos de funcionamento, axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude e unha terceira de axudas para accións de especial relevancia.

Os máis dos 200 centros galegos na diáspora que conservan e difunden a cultura propia desde todos os recunchos do mundo (América, Europa ou España), teñen unha responsabilidade como principais difusores das tradicións, costumes e legado inmaterial de Galicia máis aló das súas fronteiras. “Preservar o son, a imaxe e a letra que dan vida á nosa terra e abrila ao resto de galegos, de nacemento ou de corazón, é unha das nosas encargas máis bonitas, pero tamén das que requiren un esforzo máis constante, tesón e, sobre todo, poñer moita alma no que se fai”, recordan desde a Secretaría Xeral da Emigración.

En canto á primeira liña, e co fin colaborar no funcionamento das entidades galegas no exterior, este ano destínanse a este fin 575.000 euros.

A segunda, vai dirixida á posta en marcha de proxectos culturais, sociais, de accións informativas e actividades promovidas pola mocidade, ao que se destinarán un total de 675.000 euros.

Á terceira, co obxectivo de axudar ás entidades a realizar accións de especial relevancia, destinarase un crédito de 100.000 euros.

267 lecturas