A Casa de Galicia presenta en Madrid a antoloxía poética ‘O Camiño das estrelas’

O poemario, co que se celebra o Ano Xacobeo, contou co apoio da Secretaría Xeral da Emigración.

O responsable do departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, prologou esta antoloxía trilingüe en galego, castelán e catalán  ou valenciano.

Imaxe da presentación celebrada na sede da Casa de Galicia en Madrid
Imaxe da presentación celebrada na sede da Casa de Galicia en Madrid
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 28 de xaneiro de 2023.

A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación do poemario O Camiño das estrelas, unha antoloxía trilingüe -castelán, galego e catalán ou valenciano- que xorde para celebrar o Ano Xacobeo e convidar a realizar o Camiño de Santiago desde calquera punto de partida.

Todos os poemas falan do que supón para a e o peregrino esta experiencia tan significativa. Cada poeta ou artista plástico tentou reflectir as súas propias vivencias dunha maneira persoal baseada na súa sensibilidade.

O proxecto foi apoiado pola Xunta de Galicia e Xacobeo 2021-2022, e o prólogo correu a cargo de Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, quen nos convida nel a realizar o Camiño de Santiago no que sabe que será toda unha experiencia inesquecible. O mesmo fai María Ángeles Fernández, Fundadora da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comunidade Valenciana, asociación sen ánimo de lucro que nos insta a saber máis sobre o Camiño de Levante e a que emprendamos a súa marcha desde a Comunidade Valenciana.

Respecto ás imaxes que adornan esta antoloxía, foron realizadas con esmero por diferentes deseñadoras e deseñadores gráficos, pintores e fotógrafos, de recoñecido prestixio, utilizando técnicas ás veces mixtas moi variadas e rechamantes.

O acto estivo presentado polo poeta Antonino Nieto Rodríguez; a editora Lida López Miguel; e o presidente do Centro Galego de Valencia, Manuel Fortes.

Tras a presentación, interveu o pintor Antón Lamazares e tivo lugar un recital por parte das e dos poetas Ana Mª Gómez Pavón, Gloria de Frutos, Inma Marcos, Izase Batres, Mila Villanueva, Olga Patiño Nogueira e a actriz Julia Cerdeiriña, acompañados polas voces de Tania Ruzs e Kevina Kull e polo piano de Sergio Kuhlmann.

220 lecturas