Camba inaugura a mostra “Galicia somos todos” na Fundación Rodríguez Iglesias da Coruña

A mostra fotográfica reflicte as vivencias de 22 inmigrantes na nosa terra.

Listen to this page using ReadSpeaker
27 de xuño de 2011.

O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, inaugurou o pasado venres na Fundación Rodríguez Iglesias da Coruña a exposición Galicia somos todos, nun acto no que estivo acompañado polo novo concelleiro local de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo Torres, e o presidente da Fundación que acolle a mostra, Francisco Rodríguez. Trátase dunha montaxe fotográfica que combina fotografías e historias persoais de vinte e dous inmigrantes.

Así, a mostra repasa as vivencias recentes dun transportista arxentino, un músico angolano, unha comerciante venezolana, unha cociñeira romanesa, un guía e un hostaleiro brasileiros, unha estudante marroquí, un carpinteiro, un maquinista e unha veterinaria uruguaios, un escritor inglés, un camareiro cubano, outro polaco, outra máis paraguaia e máis outra mozambicana, un músico ruso e outra húngara, un mecánico islandés, un enxeñeiro escocés, unha esteticista nixeriana, un deseñador mexicano, e unha economista xaponesa, radicados en Galicia.

Todos eles foron os protagonistas do Encontro da Inmigración 2011, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración en colaboración co Porto de Vigo, a Fundación homónima, e a Deputación Provincial de Pontevedra, celebrado en marzo pasado, e que supuxo o comezo da andaina itinerante da mostra inaugurada.

Nas súas palabras, Camba puxo en valor o título da mostra e lembrou que “todos conformamos en efecto esta Comunidade. Tan galego é o nado na nosa terra, como a persoa procedente do exterior que agora está a vivir e traballar connosco. Todos temos a mesma dignidade e colaboramos ao desenvolvemento humano, cultural, social e económico de Galicia”.

Pola súa banda, o presidente da fundación receptora da mostra, Francisco Rodríguez Iglesias, salientou que "igual que a Galicia do pasado non pode entenderse sen a emigración, a Galicia do presente e, sobre todo, a do futuro, non pode construírse sen os emigrantes que se establecen nela”.

A exposición estará aberta ao público na Fundación Rodríguez Iglesias desde o 24 de xuño ata o 4 de xullo, de luns a venres, de 12.00 a 13.30 e de 17.00 a 19.30 horas.

1100 lecturas