Bos Aires acolle unha exposición sobre a historia do Parlamento de Galicia

A mostra foi inaugurada polo presidente do Parlamento nas dependencias do Centro Galicia da cidade que desde antano é considerada a “quinta provincia galega".

“A historia de Galicia non pode nin debe entenderse sen a emigración, sen a contribución da Galicia de ultramar ao proceso de construción da autonomía galega", afirma Santalices.

A autonomía galega constitúe “a etapa de maior crecemento, estabilidade e progreso de toda a nosa historia".

Mentres a Galicia de antano era terra de emigración, “hoxe é unha terra aberta ao retorno dos descendentes que opten polo camiño inverso".

  • Imaxe da inauguración en Bos Aires da mostra 'El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia'
    Imaxe da inauguración en Bos Aires da mostra "El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia"

Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires (Arxentina), 13 de decembro de 2023.

O Centro Galicia de Buenos Aires acolle desde onte á tarde (noite en Galicia)  a exposición El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia, unha mostra inicialmente concibida para conmemorar as primeiras catro décadas da autonomía galega, e que agora chega á que desde antano é considerada a “quinta provincia galega".

A mostra foi inaugurada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado polo comisario da exposición, o catedrático  emérito de Historia Contemporánea e ex reitor da Universidade de Santiago, Ramón Villares. Tamén participou o presidente do Centro Galicia, Jesús Mosquera; a embaixadora de España en Arxentina, María Jesús Alonso; o cónsul xeral de España, Fernando García Casas; o conselleiro cultural da Embaixada, Roberto Varela; e o delegado da Xunta en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro; ademais dunha numerosa representación da colonia galega e das diferentes entidades e centros que a agrupan.

Na súa intervención, Santalices Vieira explicou que levar esta exposición a Bos Aires é unha obriga para o Lexislativo galego. Bos Aires foi, “de facto, durante moito tempo, a capital cultural de Galicia". Ademais, agregou, “a historia de Galicia non pode nin debe entenderse sen a emigración, sen o exilio, sen o alento e sen a contribución da Galicia da ultramar ao proceso de construción da autonomía galega".

Esta exposición, “amena, didáctica e rigorosa", en palabras de Santalices, xurdiu para facer memoria das catro primeiras décadas de autonomía galega, “a etapa de maior crecemento, estabilidade e progreso de toda a nosa historia".

O titular da Cámara galega recordou que canda a exposición que agora se abre na capital arxentina se editou un extenso volume, coordinado tamén por Ramón Vilares, no que académicos das tres universidades galegas analizan a evolución da Comunidade Autónoma nas últimas catro décadas. O libro está publicado na web do Parlamento de Galicia e pode descargarse de balde.

Democracia, autonomía e integración europea
Décadas despois da chegada masiva de emigrantes galegas e galegos á Arxentina, “aquela Galicia atrasada, na que calquera aspiración a unha vida mellor pasaba, case inescusablemente, pola emigración, quedou atrás para sempre". Tres factores explican, segundo Santalices, ese avance: a democracia, a autonomía e a integración en Europa.

Mentres que a Galicia de antano era terra de emigración, “hoxe é unha terra aberta ao retorno dos descendentes que opten polo camiño inverso".

Este cambio de paradigma garda relación, segundo explicou o presidente do Parlamento, coas “novas oportunidades que foron xurdindo da man da autonomía que Galicia xestiona con prudencia e con rigor desde hai máis de 40 anos, máis de catro décadas das que facemos memoria nesta mostra que recala en Bos Aires".

A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.  Unha copia desta mostra será inaugurada o venres 15 de decembro en Montevideo, na sede do Poder Lexislativo da República Oriental do Uruguai.

272 lecturas