Escolas Abertas para entidades galegas do exterior. Ano 2024

Listen to this page using ReadSpeaker
1384 lecturas
Información e formularios de inscrición.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 29 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
12.02.2024
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto
A Secretaría Xeral da Emigración convoca e regula o programa Escolas Abertas 2024 destinado a dar formación especializada ás persoas que están a tomar a remuda nos cargos directivos nas entidades galegas do exterior ou que son susceptibles de facelo e ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, da confección de traxes tradicionais galegos, ou responsables da cociña nas ditas entidades.

Datas de celebración: Do 4 ao 16 de xullo.

Características do programa:
O programa consiste no desenvolvemento de obradoiros de especialización de carácter presencial e consta das seguintes modalidades: 

a)    Culturais: 

  • Baile tradicional galego 
  • Canto popular e pandeireta
  • Gaita tradicional galega
  • Percusión tradicional galega
  • Confección de traxe tradicional galego 
  • Cociña galega

b)    Formación de persoal directivo.

Entidades beneficiarias e requisitos.
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas do exterior que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Para as solicitudes de persoal docente de actividades de cultura tradicional galega ou de confección de traxe tradicional:

    Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estas modalidades do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e cumpran os seguintes requisitos:

    a) Ter escolas constituídas ou grupos consolidados da especialidade solicitada que acrediten unha actividade continuada.

    b) Ter grupos constituídos nos últimos dez anos e estar no seu proceso de recuperación, no suposto de non cumprir o requisito establecido na letra a).

    c) Ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos, no suposto de solicitar participar no obradoiro de confección de traxe tradicional galego.

    As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e menores de 65. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia nas materias que se impartirán no obradoiro correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.

  2. Para as solicitudes de persoal responsable de cociña:

    Poderán ser beneficiarias desta modalidade do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade que conten con servizo de cociña ou comedor que ofreza menús elaborados.

    As persoas propostas deben estar traballando na cociña ou comedor da entidade galega solicitante, ben os xestionen directamente, ben os teñan arrendados ou cedidos a unha terceira persoa, e ter unha experiencia superior a un ano desde a data de publicación da convocatoria.

  3. Para as solicitudes de formación de persoal directivo: 
    Poderán ser beneficiarias desta modalidade do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade.

    As persoas propostas deberán ter unha idade comprendida entre os 18 e 49 anos e reunir unha das seguintes condicións:

    a) Formar parte da Xunta Directiva da entidade, polo menos, durante un ano desde a data do remate do prazo de presentación de solicitudes.

    b) Ser socio/a da entidade e comprometerse a exercer apoio á súa xestión durante dous (2) anos, ben sexa como parte da Xunta Directiva, ben como persoal voluntario colaborador.

As entidades só poderán solicitar unha candidatura por modalidade segundo o modelo normalizado do anexo II (ficha da persoa proposta). Así mesmo, non poderán propoñer a participación no programa de persoas que xa participasen nel, en calquera das modalidades convocadas, máis de dúas veces nas últimas catro convocatorias do programa. Se así for, quedarán excluídas.

Documentación complementaria
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

  1. Documentación xeral:
    a) Certificado de residencia fiscal emitido en 2024 polas autoridades competentes do país de residencia, no suposto de entidades que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español.

    b) Ficha da persoa proposta (anexo II): unha ficha por cada unha das persoas propostas.
    c) Documento identificativo da persoa proposta, no caso de non dispoñer de DNI ou NIE. Se se dispón de DNI ou NIE, só se achegará no caso de opoñerse á súa consulta no anexo II, segundo o disposto no artigo 9 da resolución.
    d) Breve currículo que recolla a experiencia, os coñecementos e o nivel de estudos da persoa aspirante en relación coa materia obxecto do obradoiro. No suposto de solicitudes para obradoiros de formación de persoal directivo, debe constar unha especial referencia á formación académica e experiencia de xestión.

  2. Documentación específica para os obradoiros de baile, gaita, percusión tradicional e  canto popular e pandeireta: 
    a) Certificación da entidade, relativa á/s escola/s ou grupo/s con que conta e ao número de alumnos e alumnas que os compoñen, segundo o modelo que figura como anexo III.

    b) Declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a ensinar e aplicar os coñecementos adquiridos no seo da entidade durante, como mínimo, dous anos.
    c) Unha gravación en formato dixital de uso común da persoa aspirante na modalidade solicitada que non exceda os catro (4) minutos, sen ningún outro instrumento acompañando, no caso de gaita e percusión. No caso de baile e canto popular e pandeireta, a gravación deberá ser solista.

  3. Documentación específica para os obradoiros de confección de traxe tradicional galego: 
    a) Certificación de ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos, segundo o modelo que figura como anexo IV.

    b) Certificación da entidade na cal acredite a experiencia da persoa proposta en corte e confección de traxe tradicional galego e, de ser o caso, copia do título oficial de corte e confección.
    c) Declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a ensinar e aplicar os coñecementos adquiridos no seo da entidade durante, como mínimo, dous (2) anos.

  4. Documentación específica para o obradoiro de cociña galega:
    a) Certificación de que a entidade conta con servizo de cociña ou comedor (restaurante ou cafetaría) que ofrece menús elaborados e de que os xestiona directamente ou de que ten arrendada ou cedida a súa xestión segundo o anexo V.

    b) Certificación da entidade na cal acredite a experiencia da persoa proposta como responsable na súa cociña durante, polo menos, un ano anterior á data da convocatoria (anexo II) e, de ser o caso, copia do título oficial de cociña.
    c) Declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a incluír no menú da entidade todos ou parte dos pratos aprendidos.

  5. Para o obradoiro de formación de persoal directivo: 
    a) Certificación de que a persoa proposta é socia da entidade ou forma parte da xunta directiva, segundo o caso (anexo II).

    b) Copia da acta en que se recolla o nomeamento como membro da Xunta Directiva da persoa proposta para o suposto de formar parte a persoa da Xunta Directiva.
    c) Declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a exercer apoio á xestión da entidade durante dous (2) anos, ben sexa como parte da Xunta Directiva, ben como persoal voluntario colaborador para o suposto recollido na letra b) do artigo 1.2.

Solicitudes e documentación:

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: Sede electrónica da Xunta de Galicia
  • Texto completo da convocatoria no D.O.G.: Descargar
  • Extracto da convocatoria no D.O.G.: Descargar

A.- Entidades con sede social en España
As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I da resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

B.- Entidades con sede social no estranxeiro
Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires (A Arxentina) e en Montevideo (O Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas, non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

Contacto e información: 
Secretaría Xeral da Emigración. 
Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas
Teléfono: 0034 981 957 353/ 981 547 256
Correo electrónico: subdireccionxeral.emigracion@xunta.gal

Prazo de presentación das solicitudes:
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
12.03.2024