Axudas do programa "Reencontros na Terra" para residentes no exterior. Ano 2013.

Listen to this page using ReadSpeaker
Información e instrucións para a cumprimentación de solicitudes.
Orde da convocatoria: 
Resolución do 15 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convoca o programa Reencontros na Terra para residentes no exterior para o exercicio 2013.
Entidade convocadora: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
21.02.2013
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto e finalidade das axudas:
Este programa ten por obxecto promover o contacto dos/as galegos/as residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Prazas convocadas:
A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países queda fixada para o ano 2013, do seguinte modo:

  • Arxentina:  81
  • Brasil:   9
  • Cuba:   7
  • Uruguai:   34
  • Venezuela:  2
  • Outros países:  2
  • Total:         135

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25% do total das 135 prazas, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas.

Datas de realización:

  • Os/as beneficiarios/as deste programa viaxarán a Galicia cara ao 2 de outubro.
  • A estadía realizarase na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Pontevedra) entre o 3 e o 16 do mesmo mes.

Prazo de presentación de solicitudes
Ata o 22 de abril de 2013 (prazo de 2 meses contados a partir do seguinte á publicación).

BASES REGULADORAS – ANEXO I da Resolución da Secretaría Xeral da Emigración do 15/02/2013  (DOG nº 37 do 21 de febreiro de 2013)

Beneficiarios/as:
1. Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galego.
1.2. Ter a nacionalidade española.
1.3. Residir en América.
1.4. Ter sesenta e cinco ou máis anos de idade contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
1.5. Levar polo menos os últimos 15 anos naturais sen participar en programas de viaxes transatlánticos a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.
1.6. Valerse por si mesmo, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
1.7. Ter ingresos inferiores a 1,3 veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Traballo e Inmigración, segundo países de residencia. Se o solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 por cento da devandita cifra polo número de conviventes menos un.

2. Poderán ser beneficiarios/as as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5, 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

Documentación a presentar:
1. A documentación que deberá achegar o/a solicitante é a seguinte:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo II.
b) Para os solicitantes que posúan a nacionalidade española e estean en posesión do documento nacional de identidade, autorización expresa á Secretaría Xeral da Emigración para a verificación dos datos de identidade. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade do/a solicitante ou certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.
c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia.
d) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.
e) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada polo solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que o/a solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.
f) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.
g) Certificado médico, segundo o modelo normalizado que se publicará como anexo III á correspondente resolución anual de convocatoria no cal se faga constar que o solicitante é válido por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
h) Fotografía actual tamaño carné.
i) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.
l) Documento no que conste se é beneficiario das prestacións económicas por ancianidade do Estado español. De non o presentar entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado no punto 1 do artigo 5º das bases reguladoras.
m) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou de organismos privados para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que se publica no anexo II desta resolución.
n) Declaración responsable segundo o modelo do anexo II desta resolución, conforme o solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

2. O/a cónxuxe ou persoa unida ao solicitante por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do pasaporte ou documento nacional de identidade en vigor.
b) Documentación acreditativa da residencia en América.
c) Certificado médico segundo o modelo do anexo III desta resolución, no cal se faga constar que é válido por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
d) Fotografía actual tamaño carné.
e) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou de organismos privados para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que se publica no anexo II desta resolución.
f) Declaración responsable, segundo o modelo do anexo II desta resolución, conforme o cónxuxe está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

Lugar de presentación das solicitudes:
As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración, na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, na Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderán presentarse nas Consellerías de Traballo e Asuntos Sociais, nas seccións de Traballo e Asuntos Sociais das oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

Para a presentación destas solicitudes as/os interesados/as poderán utilizar o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán. Os/as interesados/as que así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se sinalan a continuación, para a presentación telemática das súas solicitudes:

  • En Brasil:
    -Peña Galega da Casa de España ( Río de Janeiro).
    -Real Sociedade Española de Beneficencia (Salvador-Bahía).
    -Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrução (São Paulo).
    -Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro (Santos).
  • En Venezuela:
    -Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas).
  • En Cuba:
    -Federación de Sociedades Galegas en Cuba.

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: picar aquí para acceder á sede electrónica

Convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)

 

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
22.04.2013
3238 lecturas