O Secretario Xeral da Emigración participou nas actividades da trobada de entidades galegas de Cataluña
Ao amplo programa engadiuse unha homenaxe a Xosé Luís Foxo “embaixador do Fisterre en medio mundo, deixando testemuño das nosas manifestacións folclóricas alí onde residía un galego”, destacou Camba.
Santiago Camba referiuse á mocidade da diáspora como o “cordón umbilical para que iniciativas culturais, sociais e lúdicas tan nosas non queden sen resposta, xerándose un fluxo con Galicia enriquecedor, constante, harmónico”
Apelou á defensa e proclamación da necesaria coordinación e unión das entidades galegas. “Soamente unidos”, precisaba, “seremos fortes para aproveitar a disposición de Galicia no mundo, alén das fronteiras”
O secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, sumouse á participación da Xuntanza/ Trobada de entidades galegas de Cataluña en Xares, que se desenrolou no municipio ourensán ao longo desta semana e á que se engadiu, a un amplo programa de actividades, unha homenaxe a Xosé Luís Foxo, director da Real Banda de Gaitas e da Escola de Gaitas de Ourense.
Santiago Camba, no transcurso da súa intervención.
De Foxo destacouse a súa contribución ao mundo da música e folclore galego “nas terras mediterráneas e irmás, mantendo viva a nosa expresión cultural e un dos nosos sinais identitarios máis significativos: o son da gaita”, salientou Camba, en alusión ao seu papel como fundador da Escola de Gaitas e Danzas Galegas Toxos e Xestas- Barcelona, 1975-, pionera e modelo para outras semellantes como Sabiñánigo que tomou forma no 1979, cando se constata un repunte da emigración galega á Cataluña.
O secretario xeral entroncou a súa loubanza a Xosé Luís Foxo como “músico, compositor, investigador, docente i embaixador do Fisterre en medio mundo, deixando testemuño das nosas manifestacións folclóricas alí onde residía un galego” co feito de contribuír a ofrecer “unha imaxe anovada da música da cornamusa a moitos mozos galegos, hoxe gaiteiros, que na lonxanía foron exemplo de sobresaínte equilibrio no mantemento dos valores da tradición, que os ataba á orixe, e a vontade de continuar sendo testemuños da actualidade de Galicia”.
“Eles”, continuou o responsable de Emigración- referíndose á mocidade da diáspora-, seguen a ser o cordón umbilical para que iniciativas culturais, sociais e lúdicas tan nosas non queden sen resposta, xerándose un fluxo con Galicia enriquecedor, constante, harmónico”.
Así logo, ademais de apelar ao papel fundamental “da sabia nova” nas comunidades galegas quixo subraiar a “defensa e proclamación da necesaria coordinación e unión das entidades galegas”. “Soamente unidos”, proseguía, “seremos fortes para aproveitar a disposición de Galicia no mundo, alén das fronteiras”.
Santiago Camba, o homenaxeado Xosé Luís Foxo e mais o presidente da federación de entidades galegas en Cataluña, Luís Lamas.
No acto de homenaxe a Xosé Luís Foxo, organizado pola Federación de entidades galegas de Cataluña, tamén estiveron presentes os rexedores de A Veiga e a cidade de Ourense, así como moitos dos presidentes dos centros das sociedades galegas agrupados na Federación.
20 anos en Cataluña
A Federación de entidades culturais galegas de Cataluña formouse en 1989 e agrupa na actualidade a 16 sociedades, sendo o principal punto de unión entre elas o fomento da galeguidade e o espallamento da cultura, da lingua e da historia galegas.
Un dos seus principais retos é o de incorporar xente nova nas entidades, buscando a súa participación en campos diversos e abríndolles camiño nos equipos directivos e de xestión.
Noticias relacionadas