Declaración institucional da Xunta de Galicia na celebración do 25 de novembro, día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

O 25 de novembro celébrase unha vez máis, en todo o mundo, o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

Listen to this page using ReadSpeaker

O 25 de novembro celébrase unha vez máis, en todo o mundo, o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, momento no que, de xeito conxunto, expresamos a nosa condena máis enérxica a todas as formas nas que se manifesta este grave problema na nosa sociedade, temos unha lembranza especial para as vítimas que cada ano se cobra, e renovamos a nosa obriga de traballar coa máxima eficacia e sensibilidade.

É un obxectivo prioritario de gobernos e administracións conseguir a eliminación de todas as formas de violencia que aínda hoxe afectan as mulleres en todas as sociedades e culturas, pero precísase da colaboración e da concienciación da cidadanía para que a igualdade dos seres humanos, mulleres e homes, sexa unha realidade tamén neste ámbito.

A data do 25 de novembro supón un momento para reflexionar sobre as medidas postas en marcha, desde os diferentes eidos, para garantir a atención inmediata e especializada ás vítimas, o castigo dos maltratadores e a sensibilización e concienciación de toda a sociedade en relación á repulsa que as condutas violentas no seo da parella debe producir. Non debemos quedarnos só na reprobación das condutas violentas, senón rexeitar tamén a indiferenza, ignorancia ou tolerancia que ás veces as rodean, xa que indirectamente favorecen o mantemento dunha situación de desigualdade e discriminación non tolerable nunha sociedade avanzada e democrática como a nosa.

Neste ano que remata, Galicia deu sobradas mostras do seu rexeitamento á violencia de xénero, manifestando con claridade e contundencia o desprezo cara aos maltratadores e a defensa das vítimas. Co convencemento de que este é o camiño a seguir, a Xunta de Galicia quere reiterar o compromiso asumido de traballar intensa e conxuntamente na colaboración institucional, na concienciación de toda a sociedade, moi particularmente da xente máis nova, e na mellora das diferentes medidas e recursos postos en marcha; todo elo co obxectivo último de desterrar a violencia das relacións persoais, conseguindo a recuperación das vítimas e construíndo entre todos e todas unha sociedade máis xusta e digna.

O Goberno galego quere deixar patente o apoio ás familias das vítimas, e o seu sincero agradecemento a todas as persoas e organizacións, públicas e privadas, comprometidas na eliminación da violencia de xénero, xa que o seu labor, difícil, ingrato e ás veces escasamente recoñecido, é primordial para a comprensión do fenómeno e para a conseguir esa resposta áxil, eficaz e integral que pretendemos para as vítimas. Así mesmo, o Goberno galego quere convidar a toda a poboación a traballar conxuntamente para que ese futuro en igualdade e sen violencia se faga presente xa.

1689 lecturas