César Cisneros Luces

Unha vida dedicada ao xornalismo
César Cisneros Luces

Cuba, Uruguai e Bos Aires foron os destinos de César Cisneros Luces na emigración. En todos quedou pegada da súa presenza a través das súas colaboracións xornalísticas ou dos diarios que dirixiu. Este xornalista e escritor aparece como unha das principais figuras da prensa galega en América.

César Cisneros Luces naceu en Muros o 22 de setembro de 1849. Tras cursar os estudos primarios, con trece anos, emigra a Cuba. Na Habana residía o seu tío Andrés M.ª de Cisneros y Pereira. Comezou a traballar como dependente no comercio Diana, ao tempo que ía progresivamente aumentando a súa formación. Nesa época comezou a súa colaboración co Diario de la Marina. Trasládase co seu tío a Cárdenas e máis tarde a Sagua. Nesta segunda localidade exerceu como director de La Voz de Sagua. Posteriormente, formou parte da redacción do Diario de la Marina.

Problamas de saúde obrígano a retornar a Galiza en 1868. Foi nomeado como profesor de instrución xeral na Escuela Naval Flotante de Aprendices de Mar, instalada na corbeta Mazarredo no Arsenal de Ferrol. Oposto á sublevación republicana de outubro de 1872, foi capturado polos sublevados. Cisneros Luces narraría posteriormente estes feitos no libro La insurrección del Ferrol.

En 1873 volveu seguir o camiño da emigración, desta volta cara ao Río da Prata. Asentouse nun primeiro momento en Uruguai. Cofundador do colexio de ensino primario Hispanoamericano na localidade de La Unión. Pasou despois a exercer a teneduría de libros nunha oficina do Ferrocarril Central uruguaio. O seu seguinte traballo foi a dirección do xornal La Carta Blanca. Desde as columnas deste medio combateu a ditadura de Lorenzo Latorre, precisamente as persecucións que tivo que sufrir motivaron a súa marcha a Bos Aires en abril de 1877. O 15 de maio de 1877 comeza a traballar como redactor de El Correo Español.

Cisneros Luces foi asinante dunha convocatoria, o 13 de marzo de 1879, da que sairía a fundación do primeiro Centro Gallego de Bos Aires. Foi elixido como vicepresidente da primeira xunta directiva do Centro Gallego. Neste senso, hai que dicir que Cisneros mantivo moi malas relacións co presidente do Centro Gallego, Manuel Vázquez Castro, que contribuirían á desaparición da entidade. En 1879 Cisneros Luces fundou El Gallego, cuxo primeiro número sae o 27 de abril dese ano. Desde as colomnas deste xornal criticou a xestión de Vázquez Castro á fronte do Centro Gallego. Porén, o oficio de xornalista non sería a súa única ocupación. En efecto, Cisneros traballou tamén como docente e axente de negocios. Tras a desaparición de El Gallego, cuxo derradeiro número sae o 7 de novembro de 1880, Cisneros pasou a traballar como corrector de probas en El Diario. Tamén se colocou como Inspector de desembarque, dentro do Departamento xeral de Inmigración. En xaneiro de 1883 daría comezo unha nova xeira do xornal El Gallego, que, porén, só acadaría sobrevivir durante seis meses. Non obstante, en maio de 1888 Cisneros promovería unha terceira época deste periódico, que pouco tempo acadaría sobrevivir. Pasou a traballar como corrector de probas no diario Sudamérica. Pouco despois fundou La Bandera Española, que só se publicaría durante sete números.

Decide trasladarse a Montevideo, pasando a colaborar en El Pampero, La Unión Gallega, Montevideo Noticioso e El Gallego que se publicaba na capital oriental. En febreiro de 1896 enferma e é internado no hospital italiano de Montevideo. Ao saír deste centro regresa a Bos Aires, onde ao pouco tempo ten que ingresar no Hospital Español. Neste último centro faleceu o 4 de xaneiro de 1897.

Imaxe procedente do Arquivo da Real Academia Galega

Documentación asociada
Documentación asociada
Unha páxina do diario da Mariña766.79 KB
Portada de "El gallego"3.54 MB

Fotografías

  • Fotografía de César Cisneros
  • Diario da Mariña

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2992 lecturas