Casimiro Gómez Cobas

Entre a pel e a auga: a vida dun home de negocios
Casimiro Gómez Cobas

Naceu en Viascón (Cerdedo-Cotobade) o 21 de marzo de 1854 no seo dunha familia de labregos. O seu pai, Bieito Gómez, tiña un irmán emigrado na América e aquel feito espertou grande admiración e inquedanza no xove Casimiro. En torno a 1867, desexoso de seguir os pasos do seu tío Fidel, Casimiro Gómez, emprende rumbo á emigración. Segundo algunhas fontes diríxese primeiramente a Brasil, porén outras apuntan a que o mozo pretende arribar na Arxentina onde residía o seu parente. Con trece anos instálase definitivamente na cidade de Bos Aires, onde tras adquirir experiencia como aprendiz de talabarteiro, inaugura “La Nacional”, negocio por conta propia, que se había de converter nunha das principais talabartarías do país. Tal era a envergadura da empresa, fundada en 1878, que á altura de 1920 nas intalacións fabrís e almacén, das rúas 24 de Noviembre e Buen Orden da capital bonaerense, traballaban máis de 2000 empregados.

Con apenas 24 anos o galego xa consolidado como un grande comerciante e industrial contrae matrimonio na capital porteña. A fortuna conseguida permitiulle adquirir grandes facendas en terras de San Luis, Santiago del Estero, Río Negro, Neuquén, a Pampa e o Chaco. Na Pampa merca tres grandes estancias: La Nacional, Las Delicias e Chamaico, dedicadas á cría de reses das que obtén a pel para a produción dos curtidos. Ademais grazas á doazón de terreos da súa propiedade contribuíu á fundación de núcleos de poboamento como Roca, durante a presidencia do xeneral Roca en Neuquén, Nueva Galia, Casimiro Gómez, La Maroma, La Nacional ou Ingeniero Malmen.

A alta calidade dos produtos elaborados en “La Nacional” foi recoñecida en diferentes exposicións e certames de prestixio internacional, como na Exposición Rural Argentina de 1882, na Exposición Continental do mesmo ano, na Universal de París en 1889 ou Exposición Industrial del Centenario en 1910. Mesmo as monturas producidas na súa industria foron elixidas polo goberno arxentino como as regulamentarias do exército.

Foi fundador e vicepresidente do Centro Industrial Argentino e integra o Consejo de Administración da Unión Industrial. Integrado nos círculos máis selectos da sociedade arxentina, vinculouse a unha ampla nómina de sociedades de tipoloxía ben diversa. Formou parte de sociedades anónimas como a Sociedade Rural, a Farmaco Argentina, La Importadora y Exportadora de la Patagonia, El Diario Español, a Sociedad Nueva España, La Armonía, a Compañía de Seguros “La Positiva”, a Sociedad Ganadera, La Oriental, a Compañía Nacional de Transportes, a Liga Agraria, a Bolsa de Comercio, a Cruz Roja Argentina, a Sociedad de Educación Industrial, o Comité Nacional de Comercio, así como en diferentes institucións bancarias, entre as que destaca o Banco Español do Río de la Plata, do que foi un dos fundadores. Ademais formou parte, como directivo ou socio, de diferentes sociedades de emigrantes como o Centro Gallego, a Sociedad Española de Beneficencia, a Sociedad Española de Socorros Mutuos ou o Club Español. Dende a xunta directiva do Hospital Español manifesta o seu espírito solidario contribuíndo ao sostemento do Patronato de la Infancia.

O éxito económico acadado polo galego na Arxentina non significou o esquecemento da súa querida Pontevedra. As xestións do Marqués de Riestra, asesor persoal e amigo de Casimiro Gómez, permitíronlle a adquisición dunha finca dunhas setenta hectáreas no Monte Porreiro. “Villa Buenos Aires”, nome que lle asigna en homenaxe á terra que o acollera, convértese nunha fermosa e rica explotación agropecuaria na que Casimiro Gómez pasa os períodos vacacionais. Nela cultiva viñedos e frutais, ademais reserva para a cría de gando unha importante extensión de terreo. Os produtos da “Villa” recibiron importantes premios nas diferentes Exposicións as que concorreron.

Non menos exitoso foi o proxecto de creación dun Balneario fundado polo galego co fin de rendabilizar a riqueza das augas dos manantiais minero-medicinais do entorno de “Villa Buenos Aires”. En 1904 concedéselle a declaración de utilidade pública e no mesmo ano Casimiro Gómez remite ao Ministerio os planos do Balneario, ubicado na marxe esquerda do Río Lérez. Axiña o establecemento haberíase de constituír como un destacadísimo centro de reunión dos políticos da época, onde se chegaron a fraguar importantes medidas políticas. Amais do disfrute in situ das augas, as súas propiedades mineiro-medicinais facíanas aptas para súa venda, polo que o afamado Casimiro Gómez emprendeu un novo negocio de grande éxito: o seu embotellado e comercialización. As “Aguas Lérez” acadaron unha exitosa acollida nos mercados, especialmente no mercado arxentino, onde o número de vendas de “La Mejor Agua Mineral natural de mesa, recomendada por la ciencia” –unhas das frases publicitarias coas que se anunciaba na prensa da época– desbordou as previsións iniciais. A campaña de publicidade foi organizada a través da prensa étnica en Bos Aires e en moitos dos xornais pontevedreses figuraban os chamativos slogans das augas. Igualmente, a través da revista Lérez, que el mesmo editaría dende 1908, ensálzanse as cualidades e poder curativo do seu produto. Os premios non tardaron en chegar; en 1907 é galardoada na Exposición Internacional de Higiene celebrada en Madrid e poucos anos despois consolida éxitos na Exposición Regional Gallega celebrada en Santiago e na Internacional de Higiene de Bos Aires; incluso o propio Alfonso XIII felicita a Casimiro Gómez pola súa altísima calidade.

Alén do espírito emprendedor que manifestou nos seus negocios, o seu carácter altruísta deixou fonda pegada na terra natal. O seu labor filantrópico foi destacadísimo no proceso de modernización e desenvolvemento da cidade do Lérez na primeria metade do século XIX. Colaborou economicamente con diferentes institucións benéficas; o Hospicio e o Hospital Provincial foron algunhas das entidades que recibiron as súas doazóns e mesmo puxo a disposición do Concello algunhas das súas propiedades, co fin de levar a cabo a construción de obras públicas; tal foi o caso da Escola de Artes e Oficios ou do Cuartel da Garda Civil, ademais da construción de varios lavadoiros públicos.

Comprometido coa cultura e a educación galega levou a cabo numerosas accións filantrópicas; unha das máis destacables foi o sostemento da escola pública de Viascón. En Barcelos (Pontevedra) doou o solar no que se había de construír o colexio e foi protector das Colonias Escolares en Lalín. Na mesma dirección destacou como activo doante de libros de temática americanista á Biblioteca América da Universidade compostelá.

Tras unha intensa vida dedicada ao mundo dos negocios e sen esquencer nunca as súas raíces, falece con 86 na cidade de Vigo, deixando unha importante pegada na historia da emigración galega e na propia historia de Pontevedra.

Bibliografía: 

CASTRO LÓPEZ, MANUEL (DIR.) “Almanaque Gallego para 1898”; ano 1, t.1. Bos Aires: Imprenta de “El Correo Español”, 1898.

S.D.: “Correo de Galicia. Órgano de la colectividad gallega en la República Argentina”, nº 729 (16 de maio de 1920), Bos Aires, p.1.

VALLE PÉREZ, XOSé CARLOS (COORD.); Balneario do Lérez. Memoria Gráfica dunha época: [catálogo da exposición]. Pontevedra: Museo de Pontevedra, 1997.

VIEITES TORREIRO, DOLORES; “La participación de los gallegos en el movimieno obrero argentino 1880-1930)"; en NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manuel (edit.): Galicia Austral: la inmigración gallega en la Argentina. Bos Aires: Editorial Biblos 2001, p. 177. CAGIAO VILA, PILAR; Os Países americanos e a Biblioteca América: doadores, colaboradores e redes, 1907-1926; en

CAGIAO VILA, Pilar (coord.): Cen Anos da Biblioteca América: 1904-2004. Santiago de Compostela: USC, 2004; p. 91

PÉREZ LEIRA, LOIS: Galegos na Arxentina, galegas na Arxentina: unha ollada fotográfica. [Galicia]: FESGA D. L. 2006.

Fotografías

  • Fotografía de Aguas Lerez
  • Augas Lerez
  • Interior de Augas Lerez
  • Cartel de Lerez
  • Balneario Lerez
  • Xira ao Balneario
  • Médicos no balneario
  • Fotografía La Nacional
  • Personalidades no Balneario
  • Anuncio de La Nacional
  • Fotografía de La nacional
  • Edificio La Nacional
  • Fachada de La Nacional
  • Fachada de la administracion
  • Finca Monteporreiro
  • Fotografía
  • Fotografía
  • Retrato de Casimiro Gomez
  • Retrato de Casimiro Gomez Cobas
  • Vodas de ouro
  • Talleres civis
  • Oficiais ingleses

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
4299 lecturas