José Blanco Amor

Blanco Amor na Arxentina
José Blanco Amor

Calquera persoa pensaría ao escoitar os apelidos Blanco Amor que estamos a falar do autor de A Esmorga, escritor ourensán longos anos emigrado na Arxentina. E pensaría ben. O que ocorre, no entanto, é que hai outro Blanco Amor, tamén galego, xornalista, escritor e emigrado en Bos Aires. A desfacermos as confusións e traermos á actualidade a estoutro Blanco Amor están dedicadas as seguintes liñas

José Blanco Amor naceu en Bergondo o 3 de decembro de 1914. Fillo de labregos, aos once anos viuse na obriga de abandonar a escola para se dedicar aos labores do agro. Posteriormente, aprendeu o oficio de carpinteiro. En 1930, tras convencer a seus pais, emigrou á Arxentina.

En Bos Aires, tras exercer varios oficios, dedicouse de cheo ao xornalismo. Ao mesmo tempo foi aumentando paulatinamente a súa formación, de orixe basicamente autodidacta. Así, foi membro das redaccións de El Mundo, La Prensa e La Nación, onde tivo ao seu cargo a sección de comentarios parlamentarios "Más allá de la crónica". Tamén en La Nación destacou polos seus obituarios, xénero xornalístico no que José Blanco Amor destacou especialmente. En 1949 foi corresponsal da Agencia Noticiosa Argentina, como froito desta experiencia publicou o libro Reportaje a Nueva York (1950). En 1964 foi designado director do Departamento Cultural da Vicepresidencia da República. Por outra parte, Blanco Amor non se desvencellou nunca da súa relación con Galiza, pois foi secretario da ORGA en Bos Aires e fundador do Comité Iberoamericano al Servicio de la Independencia Española.

José Blanco Amor foi autor dunha ampla obra, a cal pasamos a comentar. En 1953 daba ao prelo La vida que nos dan. Cunha capa ilustrada por Luis Seoane, esta novela relata en primeira persoa, e probabelmente cunha boa carga de contido autobiográfico, unha parcela da nenez e da adolescencia do protagonista. A novela foi premio Valle-Inclán do Centro Gallego de Bos Aires.

En 1953 publicou a novela Todos los muros eran grises. Esta novela conta a vida de Aníbal Lara, mozo español emigrante que chega á Arxentina. O drama existencial do personaxe consiste nunha busca teimuda para decubrirse a si mesmo. Esta procura esta inzada de dúbidas e de fracasos. Antes que el tiempo muera foi a súa terceira novela, publicada en 1957. Novela que apareceu dentro da colección "Novelistas de España y América". Ambientada nunha zona do norte arxentino, na provincia de Salta, a acción desta novela céntrase no conflito xeracional representado polas personalidades dun pai e a súa filla, moza rebelde disposta a vivir a vida do xeito que lle pete.

En 1959 viu a luz Duelo por la tierra perdida. Dentro da colección "Novelistas de España y América". Novela do exilio. O seu protagonista, César Lores, sérvelle ao autor para contar as experiencias do exilio. En 1966 publicou La misión. Premio Municipal de la Ciudad de Buenos Aires, esta novela desenvólvese nun ambiente diplomático de Rio de Xaneiro, a obra ten unha fonda pegada peninsular. Os seus protagonistas, Fernando e Elsa, son españois. Aparecen na novela ecos da Guerra Civil, do exilio e non faltan as evocacións das paisaxes galegas. O libro de relatos Los virtuosos foi a súa seguinte obra publicada en 1976. Habería que agardar até 1983 para unha novela de José Blanco Amor. En efecto, nese ano apareceu ¿Y ahora qué? Esta novela artéllase arredor de catro golpes de Estado que tiveron lugar na Arxentina a partir da ruptura institucional de 1930, seguida polo golpe militar de 1943 que culminou coa instauración do primeiro goberno peronista. A obra detense despois do golpe de 1955, que trunca o segundo periodo do presidencia de Perón, e conclúe co derrocamento do presidente radical Arturo Illía en 1966.

Ademais da novela José Blanco Amor foi autor de destacados ensaios. En 1961 publicou Con verdad y con rigor, obra que volve a xirar sobre o tema do exilio, escrita como xustificación da súa novela Duelo por la tierra perdida. De 1966 data  La Generación del 98. En liña coa obra anterior podemos situar Encuentros y desencuentros: ensayos literarios (1969). Nestes ensaios o noso autor enlazou a "carraxe" da xeración do 98 coa "carraxe" hispanoamericana, especialmente a da Arxentina dos anos 30. En 1966 tamén publicou España y el marxismo. Contén este volume tres cartas de José Blanco Amor e dúas de Francisco Fernández Santos polemizando sobre este tema. En 1976 publicaría El final del "boon" literario y otros temas, ensaio no que o autor xulgou moi duramente a varios escritores latinoamericanos. Ensayos sin fronteras (1983) e Exiliados de memoria (1986) serían os seus derradeiros volumes de ensaio.

José Blanco Amor faleceu en Bos Aires o 10 de marzo de 1989.

Obra de José Blanco Amor

Reportaje a Nueva York, Bos Aires: Editorial Bell, 1950.

La vida que nos dan, Bos Aires: Ediciones López Negri, 1953.

Todos los muros eran grises, Bos Aires, Santiago Rueda, 1956.

Antes que el tiempo muera, Bos Aires: Editorial Losada, 1957.

Duelo por la tierra perdida, Bos Aires: Editorial Losada, 1959.

Con verdad y con rigor, Santiago Rueda, 1961.

España y el marxismo, Bos Aires: Ediciones Theoria, 1966.

La Generación del 98 Bos Aires: Falbo Editor, 1966.

La misión, Editorial y librería Goncourt, 1966.

Encuentros y desencuentros: ensayos literarios, Bos Aires: Editorial Losada, 1969.

El final del boom literario y otros temas, Bos Aires: Ediciones Cervantes, 1976

Los virtuosos, Bos Aires: Plus Ultra, 1976.

Ensayos sin fronteras, Bos Aires: Celtia, 1983.

¿Y ahora qué?, Bos Aires: Editorial Galerna, 1983.

Exiliados de memoria, Bos Aires: Ediciones Tres Tiempos, 1986.

Bibliografía: 

VILANOVA RODRÍGUEZ, ALBERTO: Los gallegos en la Argentina, Bos Aires: Ediciones Galicia, 1966, tomo II, p. 1.363.

CVITANOVIC, DINKO: “A obra literaria de José Blanco Amor”, en VARELA IGLESIAS, José L.: A literatura do exilio galego en América, Santiago de Compostela: Fundación Alfredo Brañas, 1995, pp. 69-87.

Documentación asociada
Documentación asociada
Obituario de kennedy45.38 KB
Fragmento de la novela Todos los muros eran grises41.49 KB
Fragmento de la novela Duelo por la tierra perdida84.56 KB

Fotografías

  • Libros de José Blanco Amor

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
3037 lecturas