Patricio Delgado Luaces

Lembranza de "Xan de Masma"
Patricio Delgado Luaces

De entre os variados autores que dan brillo ás letras mindonienses queremos lembrar hoxe a figura de Xan de Masma. Se cadra non é un dos escritores máis coñecidos, mais non por iso deixa de ser digno de recoñecemento e, facemos fincapé na suxestión, necesitado de recuperación. 

Xan de Masma, alcume literario de Patricio Delgado Luaces, naceu en Mondoñedo o 6 de agosto de 1850. Decidido valedor da causa carlista, seguía neste senso o mesmo camiño que outros mindonienses sobranceiros: o bispo López Borricón, sen ir máis lonxe. A súa militancia a prol da bandeira de don Carlos VII valeulle ser encarcerado en 1872 no castelo de Santo Antón, na Coruña. Posteriormente sería desterrado a Cuba, onde desenvolveu un inteso labor literario.

Na Habana participou Xan de Masma en varias empresas xornalísticas, destacando pola súa vencellación á revista Follas Novas, unha das principais publicacións dos emigrantes galegos na capital de Cuba. Sería precisamente nesta revista onde Xan de Masma publicaría por entregas a súa novela ¡A Besta!, entre 1899 e 1900. A novela de folletín foi un dos principais produtos culturais do século XIX, a este modelo de literatura recorreu tamén a prensa galega da Habana.

A novela está dividida en dúas partes. Na primeira coñecemos a Pepiña, filla de labregos de Viloalle. A moza está sometida á presión de don Policarpo, cacique que xa abusara doutras mulleres. A insistencia do vello patrón obriga a Pepiña a abandonar a súa casa e marchar ao Cadramón, nas terras do Valadouro, onde prospera como criada do crego desta parroquia. Na segunda parte do romance o autor presenta a don Pedro, héroe carlista natural do Cadramón que, tras numerosas peripecias na fronte de loita en Euskadi e no elixio de París, regresa á súa parroquia natal. Como non podía ser doutro xeito, a novela remata coa voda de Pepiña e de don Pedro.

A maioría dos críticos sitúan esta obra dentro dos parámetros da novela naturalista, hexemónica no derradeiro terzo do século XIX. Ora ben, a denuncia que fai o autor das inxustizas e das opresións sufridas polas camadas máis defavorecidas, fai que o texto de Xan de Masma poida tamén ser considerado como un ensaio de novela socio-política. Cómpre sinalar, porén, que a redención proposta polo autor era de claro talante conservador, tal e como correspondía á súa ideoloxía carlista.

Deste xeito, Patricio Delgado Luaces foi un dos principais cultivadores da narrativa galega do século XIX. Neste senso, a súa obra é comparábel á doutro escritor emigrado: Luis Otero Pimentel, autor da novela A Campaña da Caprecórneca.Ademais de Follas Novas, Xan de Masma foi redactor doutros xornais, caso de El Comercio. Estaba casado con Manuela Santana.

Xan de Masma faleceu na Habana o 25 de abril de 1900. No seu haber a autoría dunha das primeiras novelas longas en lingua galega, paradoxalmente publicada ben lonxe das nosas fronteiras. Outro exemplo máis do moito que Galicia debe aos seus emigrantes, que tanto fixeron pola cultura deste país. ¡A Besta! foi reeditada pola Editorial Galaxia en 1993, polo que se atopa dispoñíbel para todos os lectores que queiran disfrutar dunhas fermosas páxinas do mindoniense Xan de Masma.

Bibliografía: 

VV.AA.: FOLLAS NOVAS, nº 153, 06/05/1900, p. 1

DELGADO LUACES, PATRICIO: ¡A Besta!, Vigo: Galaxia, 1993.

NEIRA VILAS, XOSé: A lingua galega en Cuba, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 1995, p. 65

Documentación asociada
Documentación asociada
Un fragmento de ¡A Besta!43.45 KB

Fotografías

  • Patricio Delgado Luaces

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
3042 lecturas