Manuel Vázquez Castro

Da Habana a Bos Aires, pasando por Nova York
Manuel Vázquez Castro

A vida de Manuel Vázquez Castro estivo completamente dedicada ao exercicio do xornalismo na emigración. Hai figuras do xornalismo galego na Habana, como tamén hai ilustres xornalistas galegos en Bos Aires. Ora ben, poucos poden atribuírse, como Vázquez Castro, o mérito de ocupar un lugar sobranceiro na prensa das capitais de Cuba e Arxentina.

Manuel Vázquez Castro naceu en Padrón o 1 de febreiro de 1844. Este xornalista e escritor adoita ser máis coñecido polo alcume de Manuel Barros. Fillo de Gregorio Vázquez Barros e de Carmen Castro Brañeiro. Cursou os seus estudos primarios en Padrón e comezou os secundarios no Instituto de Santiago de Compostela. Comezou a traballar na oficina do escribán José María Batalla San Miguel.

Chega a Cuba o 1 de xuño de 1862 no barco de vela Faro. Na Habana comeza a traballar na casa comercial de Alandí. En 1868 empregouse como tenedor de libros e caixeiro na casa de Pedro Lacoste, negocio no que permanecería até a fin da súa estancia na Illa. Na Habana comezou a súa relación coa prensa colaborando no xornal La Voz de Cuba e no semanario Juan Palomo, ambos pertencentes á empresa editorial La Propaganda Literaria de Alejandro Chao. Son de destacar os seus artigos de La Voz de Cuba contra o proxecto de Mañé i Flaquer de vender a Illa de Cuba. Na súa etapa cubana empregou o alcume de Juan Dándolo. Membro do Corpo de Voluntarios de Cuba, onde chegou a acadar o grao de sarxento. Participou nunha expedición á gornición de Vuelta Abajo, actuando como cronista desta expedición.

Abandona Cuba o 9 de marzo de 1871 con destino a Nova Orleáns. Desta cidade pasaría a Nova York, para se asentar en Newburgh, onde traballou como docente. En outubro de 1871, tras pasar por Inglaterra, retorna a Galiza. En maio de 1872 decide novamente seguir o camiño da emigración, desta volta cara ao Río da Prata. En Bos Aires comezou a traballar como tenedor de libros no comercio de Carlos Casares. Cando o seu xefe ocupou o cargo de Gobernador de Bos Aires (1875-1878) nomeou a Vázquez Castro como o seu secretario.

Na capital arxentina volvería ter unha intensa colaboración xornalística. Así, entrou a formar parte da redacción do xornal Correo Español, onde destacan os seus artigos defendendo a españolidade de Cuba. Encargouse da sección literaria do semanario Antón Perulero desde a súa creación o 2 de decembro de 1875. De 1875 a 1884 ocupou a secretaría da Sociedad Española de Beneficencia. Por outra parte, tamén foi directivo do Ateneo Español. Presidente da sociedade musical e recreativa "Marina".

Cando en 1879 se constituíu o Centro Gallego de Bos Aires, Vázquez Castro foi elixido como o seu primeiro presidente. A súa actuación á fronte desta institución foi moi polémica, chegando a ter moitas críticas por parte da prensa. Son de destacar as súas desavinzas co xornal El Gallego. Para se defender das invectivas Vázquez Castro fundou o 10 de outubro de 1879 a publicación decenal Revista Galaica. Esta publicación, que pode considerarse revista oficial do Centro Gallego de Bos Aires, tivo unha curta duración, desaparecendo o 10 de xuño de 1880. Non obstante, neste mesmo ano Manuel Barros fundaría un novo xornal: La Nación Española, cómpre resaltar o feito de que neste periódico Rosalía de Castro publicou os poemas que logo reuniría no libro En las orillas del Sar.

Manuel Barros casou o 6 de abril de 1884 con Paula Florido y Toledo. A parella marchou en viaxe de noivos a Galicia, visitando en Padrón a Rosalía de Castro. Non obstante, Barros falecería en Sevilla o 5 de xaneiro de 1885, no transcurso da súa lúa de mel. De entre a súa produción literaria destaca o libro Ocios de un peregrino (Impesiones y recuerdos de viaje), publicado en Bos Aires no ano 1875 no prelo do Correo Español.

Bibliografía: 

VV.AA.: GALICIA MODERNA, nº 19, 06/09/1885, pp. 1-2.

VV.AA.: GALICIA MODERNA, nº 21, 20/09/1885, pp. 1-2 

VV.AA.: GALICIA MODERNA, nº 104, 24/04/1887, pp. 1-2 

BOUZA BREY, FERMíN: “Manuel Barros, escritor emigrado, amigo de Rosalía, y los orígenes del libro En las orillas del Sar”, en Cuadernos de Estudios Gallegos, Tomo 16, 1961, p. 218-239. 

VILANOVA RODRÍGUEZ, ALBERTO: Los gallegos en la Argentina, Bos Aires: Ediciones Galicia, 1966, tomo II, p. 811

Documentación asociada
Documentación asociada
Manuel Barros presidente do Centro Gallego43.03 KB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2824 lecturas