Emigración abre a convocatoria de 250 bolsas BEME de máster en Galicia para mozas e mozos galegos residentes no exterior

O Goberno galego incrementa nunha media de 500 euros estas axudas para o próximo curso 2023/24 que permiten ás e aos galegos universitarios do exterior realizar un máster nunha das tres universidades galegas.

O obxectivo destas bolsas é que estas mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria que lles permita quedar a traballar e vivir en Galicia, atraendo así aos galegos e galegas do exterior de alta cualificación.

As bolsas sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, cunhas contías que oscilan entre os 7.500 e os 12.000 euros dependendo do continente da persoa beneficiaria.

Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2023 un total de 1.400 oportunidades de retorno.

O prazo de solicitude das BEME para o curso 2023-2024 ábrese mañá, 3 de febreiro, e estará aberto ata o 28 de abril
O prazo de solicitude das BEME para o curso 2023-2024 ábrese mañá, 3 de febreiro, e estará aberto ata o 28 de abril
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023.

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a  nova convocatoria, promovida pola Secretaría Xeral da Emigración, das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME Máster), cuxa séptima edición supón un novo incremento na dotación económica asignada, de cara a paliar os efectos da inflación que está a rexistrarse a nivel mundial, cun aumento medio de máis de 500 euros nas contías asignadas a cada unha das 250 axudas.

O incremento, que oscila entre os 750 e os 350 euros en función da duración do mestrado e o continente de procedencia da persoa beneficiaria, elevará o orzamento total desta medida ata os 2,3 millóns de euros, 150.000 máis ca na anterior convocatoria.

Deste xeito, o Goberno galego destina un 7% máis de investimento a esta convocatoria que chega aos 2,3 millóns de euros, impulsando a captación dun total de 250 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, cunha medida incluída na recentemente aprobada Estratexia Galicia Retorna 2023-26 (ERG2026).

O obxectivo destas bolsas é que estas mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria o que lles podería permitir quedar a traballar e vivir en Galicia. “Ao darlle un apoio económico durante o tempo que complementan a súa formación poden irse adaptando ao mercado laboral mentres realizan o máster e conseguir así posteriormente un emprego ou crear a súa propia empresa”, explicou Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración. 

Todas e todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos  e  mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Requisitos para ser beneficiario/a e contía da bolsa 
As e os beneficiarios da iniciativa deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A bolsa, cuxo importe é de 7.500 ou 8.000 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aquelas e aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de entre 11.250 ata 12.000 euros (en función do continente de procedencia do alumnado). 

Á convocatoria do ano pasado presentáronse 532 solicitudes procedentes de 35 países distintos, un 12% máis ca o ano anterior.

1.400 oportunidades de retorno 
Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2023, incluíndo as equivalentes de FP, a posibilidade de retornar a un total de 1.400 mozas e mozos galegos do exterior no ámbito universitario. 

Os interesados e interesadas teñen ata o próximo 28 de abril para presentar a súa solicitude. Toda a información pode consultarse na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración: https://emigracion.xunta.gal.

625 lecturas