A Xunta apoia en Ferrol a formación de dez alumnas e alumnos retornados de Arxentina, Brasil e Venezuela que cursan un ciclo no CIFP Ferrolterra

As e os participantes na iniciativa reciben unha bolsa de 6.500 euros para cubrir os gastos da viaxe, o aloxamento e a manutención durante este curso 2022/2023.

A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos primeiros beneficiarios e beneficiarias na comarca destas bolsas do programa ‘Retorna Mocidade’
A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos primeiros beneficiarios e beneficiarias na comarca destas bolsas do programa ‘Retorna Mocidade’
Listen to this page using ReadSpeaker
Ferrol, 12 de xaneiro de 2023.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá no CIFP Ferrolterra ás e aos primeiros beneficiarios na comarca das bolsas concedidas pola Xunta de Galicia á mocidade do exterior co fin de que cursen en Galicia estudos de Formación Profesional nivel básico durante o presente curso académico.

Acompañada do xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e da vicedirectora do centro, Raquel Rodríguez, coñeceu de primeira man as experiencias dos dez alumnos e alumnas procedentes de Arxentina (5), Brasil (3) e Venezuela (2) que iniciaron o pasado mes de decembro o ciclo de Fontanaría, calefacción, electricidade e telecomunicacións no CIFP Ferrolterra, único centro da zona adscrito a esta convocatoria.

“Con esta convocatoria a Xunta pretende incentivar o retorno dos galegos no exterior, non só dos emigrados, senón tamén dos seus descendentes”, explicou a delegada territorial, “favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos nos centros de FP galegos así como acceso ao mercado laboral”.

Bolsas de ata 6.500 euros
Os beneficiarios e beneficiarias, de entre 17 e 39 anos de idade, reciben unha bolsa de 6.500 euros de apoio económico para a viaxe, o aloxamento e a manutención, así como a subscrición dun seguro médico. Cobran un primeiro pagamento de 3.700 euros no primeiro trimestre del curso (co único requisito de estar matriculada ou matriculado) e un segundo pagamento de 2.800 euros no segundo trimestre da formación. Neste caso o alumno ou alumna deberá ter aprobado o 70% dos módulos cursados no primeiro trimestre.

Esta é a primeira vez que o Goberno galego instaura esta modalidade de ensinanzas dentro do programa Retorna Mocidade, que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades financia con 247.000 euros.

Enmárcase, ademais, no paquete de accións deste tipo desenvolvidas ata o momento como son as bolsas BEME, tanto para cursar estudos de FP de grao superior como as de de Excelencia para a Mocidade Exterior Máster, estas últimas da Secretaría Xeral da Emigración.

407 lecturas