Rueda traslada ao presidente do Uruguai a colaboración de Galicia para potenciar as relacións comerciais ás dúas beiras do Atlántico

Rueda interésase pola situación dos galegos  e galegas no Uruguai e reafirma a vontade do Goberno galego por colaborar co futuro do Hogar Español e do patrimonio da Casa de Galicia en Montevideo.

Coa reunión mantida con Lacalle, o mandatario galego pecha cinco días dunha viaxe que cualificou como “moi satisfactoria” polas oportunidades que ofreceu para ampliar as relacións entre as galegas e galegos e as e os seus irmáns ao outro lado do Atlántico e porque “constata a fortaleza da comunidade nestes momentos complicados”.

  • Imaxe da reunión entre os presidentes do Uruguai e de Galicia
    Imaxe da reunión entre os presidentes do Uruguai e de Galicia
  • Imaxe da reunión entre os presidentes do Uruguai e de Galicia
    Imaxe da reunión entre os presidentes do Uruguai e de Galicia
  • Imaxe da reunión entre os presidentes do Uruguai e de Galicia
    Imaxe da reunión entre os presidentes do Uruguai e de Galicia
  • Imaxe da reunión entre os presidentes do Uruguai e de Galicia
    Imaxe da reunión entre os presidentes do Uruguai e de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (O Uruguai), 17 de outubro de 2022.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou ao presidente do Uruguai, Luis Alberto Lacalle Pou, a colaboración de Galicia para potenciar as relacións comerciais ás dúas beiras do Atlántico. 

O titular do Goberno galego e o mandatario uruguaio mantiveron hoxe un encontro, encadrado na xira que Alfonso Rueda está a realizar por América do Sur, no que abordaron diferentes cuestións de intereses para ámbolos dous pobos, unidos por unha historia común e polos lazos de sangue aos que deu lugar a emigración. Entre outras cuestións, concordaron na conveniencia de afondar nas relacións comerciais en sectores de interese mutuo, como a agricultura, a industria forestal, o farmacéutico, o sector naval ou as grandes infraestruturas, que xa deron lugar nos últimos anos a frutíferas transaccións. Rueda amosou tamén a predisposición de Galicia a colaborar co Uruguai no desenvolvemento do sector pesqueiro aportando a súa experiencia e coñecemento na materia.

Lazos culturais e afectivos
Ademais das relacións comerciais, no encontro abordáronse, como non podía ser doutro xeito, as relacións históricas e os lazos que unen ao pobo galego e ao uruguaio e as colaboracións mutuas ás que deron lugar. Nese senso, Alfonso Rueda interesouse pola situación da colectividade galega no país -hai máis de 40.000 galegas e galegos residentes no Uruguai- e subliñou a vontade de reforzar a colaboración co Hogar Español de Montevideo e o futuro do patrimonio da Casa de Galicia para que sexa conservado e toda a sociedade uruguaia poida desfrutar del.

Ámbolos dous mandatarios concordaron tamén na necesidade de poñer en marcha iniciativas de mobilidade extracomunitaria no eido universitario, ante a posibilidade de recuperar este curso os intercambios interrompidos por mor da pandemia, así como das bolsas BEME para que as e os fillos e netos dos que un día emigraron poidan estudar un mestrado en Galicia co apoio da Xunta. Rueda, ademais, invitou a todas e todos os galegos en Uruguai que queiran regresar á terra das súas orixes a botar man das axudas do Goberno galego para facilitar ese retorno.

O presidente do Goberno galego aproveitou o encontro para invitar ao presidente uruguaio a visitar Galicia da man dun Xacobeo moi especial que non só está batendo récords de afluencia senón que está a potenciar os lazos afectivos e culturais entre Galicia e América do Sur.   

Coa reunión con Lacalle, o presidente da Xunta de Galicia pechou cinco días dunha viaxe que cualificou como “moi satisfactoria” polas oportunidades que ofreceu para ampliar as relacións entre os galegos e galegas e as e os seus irmáns ao outro lado do Atlántico. Ao seu entender, permitiu “constatar a fortaleza da comunidade nestes momentos complicados”, e incidiu na necesidade de retomar con asiduidade estes contactos interrompidos pola pandemia porque os colectivos de galegas e galegos no exterior “o agradecen e o reclaman”.

  • Audio - Declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda | Descargar
391 lecturas