As Axudas ao Retorno Emprendedor continúan abertas para axudar con ata 10.000 euros aos galegos e galegas que poñen en marcha un negocio na súa volta a Galicia

As e os interesados teñen ata o 30 de setembro para solicitar estas axudas que lle permitirán integrarse social e laboralmente na sociedade galega. 

Esta iniciativa enmárcase dentro da Estratexia Galicia Retorna da Xunta de Galicia que permitiu nos últimos anos o retorno de máis de 25.000 persoas galegas residentes no exterior.

Xa son case 600 os proxectos apoiados que supuxeron un impacto económico superior aos 32 millóns de euros para a economía galega, xa que o programa multiplica o retorno do investimento por 8 veces.

En 2021 por primeira vez, o número de beneficiarias e beneficiarios que apostaron por instalar a súa empresa nun concello do rural superou aos que preferiron as grandes cidades, sendo o 60% do total. 

  • Imaxe da visita a un dos negocios postos en marcha co apoio das Axudas ao Retorno Emprendedor da SXE
    Imaxe da visita a un dos negocios postos en marcha co apoio das Axudas ao Retorno Emprendedor da SXE
  • Imaxe da visita a un dos negocios postos en marcha co apoio das Axudas ao Retorno Emprendedor da SXE
    Imaxe da visita a un dos negocios postos en marcha co apoio das Axudas ao Retorno Emprendedor da SXE
  • Imaxe da visita a un dos negocios postos en marcha co apoio das Axudas ao Retorno Emprendedor da SXE
    Imaxe da visita a un dos negocios postos en marcha co apoio das Axudas ao Retorno Emprendedor da SXE
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2022.

A Secretaría Xeral da Emigración lembra que o próximo 30 de setembro rematará o prazo para solicitar as axudas da nova convocatoria ao Retorno Emprendedor destinada a que galegas e galegos do exterior poñan en marcha un proxecto empresarial en Galicia. Con esta axuda, a persoa beneficiaria poderá fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade galega ao tempo que realiza as súas tarefas empresariais e profesionais. 

Este ano, as Axudas ao Retorno Emprendedor aumentaron dous mil euros máis, chegando a 10.000, e servirán para sufragar os gastos orixinados pola implantación do novo negocio. A iniciativa conta cunha aportación directa de 6.000 euros que poderá aumentar en 1.000 se emprende unha muller e en 3.000 máis se o beneficiario ou beneficiaria se instala nun concello rural. Con esta iniciativa, a Secretaría Xeral da Emigración continúa favorecendo a axuda ao retorno para facilitar á incorporación na comunidade galega tanto ás e aos galegos que residen en calquera parte do mundo, como ás e aos seus descendentes. 

Cun presuposto actual dun millón de euros, nos últimos anos estas axudas permitiron destinar máis de 4M€ para lograr case 600 proxectos empresariais en Galicia, cun impacto de inversión superior aos 32 millóns de euros para a economía galega, xa que o programa multiplica o retorno do investimento por 8 veces. Deste modo, esta axuda aposta tanto polo retorno dos galegos e galegas do exterior, como polo desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

En 2021, por primeira vez, o número de beneficiarias e beneficiarios que apostaron por instalar a súa empresa nun concello do rural superou aos que preferiron as grandes cidades, sendo o 60% do total.    

A maioría das e dos emprendedores apostan por emprendementos nos sectores da hostalaría, o comercio ao por menor, a construción, o marketing e a formación, chegando dende máis de 40 países de todo o mundo, en especial de América e Europa, pero tamén dende o resto de continentes. “Cada vez estamos a atopar maior número de persoas que apostan polo negocio on line ou incluso por ter clientes noutros países, aproveitando a formación e os contactos que traen dos lugares onde viviron ou onde creceron. Aínda que ao comezo da posta en marcha destas axudas os clientes eran moi locais, agora mesmo estamos a ver un xiro nos negocios presentados, máis globalizados e internacionalizados”, explicou Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración.

As e os interesados que desexen solicitar calquera tipo de información sobre axudas ao retorno poderá facelo nas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situadas nas principais cidades galegas, financiadas a través do Fondo Social Europeo.

“A maiores, tamén estamos a favorecer que estes novos negocios poidan contar cunha garantía de crecemento e proxección no tempo, ofrecéndolles aos galegos retornados emprendedores a posibilidade de formar parte do Programa Merlo, que mentoriza a estes empresarios, ofrecéndolles apoio e asesoramento para que os seus proxectos poidan ter o éxito asegurado”, engadiu Rodríguez Miranda. 

Retornadas e retornados mozos e emprendedores
Estas axudas forman parte das accións específicas da Estratexia Galicia Retorna que puxo en marcha a Secretaría Xeral da Emigración en 2018. Deste xeito, a Xunta destinou máis de 20M€ en medidas específicas e outros 500M€ en distintas liñas transversais a través da Estratexia Galicia Retorna de 2020, coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración, que facilitou que case 25.000 persoas puideran regresar a Galicia.

A Estratexia Galicia Retorna céntrase en tres ideas básicas: o dereito dos galegos e galegas a retornar, o impulso á demografía da comunidade autónoma e a mellora da nosa competitividade económica. O balance desta estratexia recolle a posta en marcha de 52 medidas, directas e transversais, que se ampliaron ata 64, e que axudaron a que as e os galegos que residían no exterior tomaran a decisión de retornar, ben para estudar ou buscar emprego, ou ben para por en marcha en Galicia o seu propio negocio.

427 lecturas