Miranda recibe á nova presidenta da Hermandad Gallega de Venezuela na sede da Secretaría Xeral da Emigración
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu esta mañá á nova presidenta da Hermandad Gallega de Venezuela, Noemí Cendón Tizón, na sede da Secretaría Xeral na Praza de Mazarelos para coñecer como está a vivir estes primeiros meses como responsable desta importante entidade galega no país caribeño e analizar as futuras iniciativas que ten pensado poñer en marcha neste centro. Noemí Cendón substituíu este ano no cargo a José Antonio Alejandro, anterior presidente da Hermandad.
Na actualidade, a Hermandad Gallega de Venezuela conta con máis de 33.500 persoas asociadas, das que a gran maioría, 23.500, son galegas ou descendentes. Situada en Caracas, o Centro de día da Hermandad presta servizo a medio cento de galegas e galegos residentes na capital venezolana. A entidade ofrece actividades de todo tipo, tanto culturais como sociais, deportivas e de ocio para as e os galegos do exterior que viven no país. Tamén conta co Colexio Castelao de Infantil, Primaria e Bacharelato con máis de 500 alumnas e alumnos.
Novas relacionadas