Emigración destina 30.000€ á Fundación Fillos de Ourense (FUNDAOURENSE) para a atención das necesidades asistenciais e sanitarias básicas a galegas e galegos residentes en Venezuela

Esta axuda ten como obxectivo contribuír ao financiamento dos custos derivados da atención que se preste ás persoas galegas que se atopen nunha situación de carencia social ou económica.

Foto de arquivo dunha visita do secretario xeral da Emigración a Venezuela
Foto de arquivo dunha visita do secretario xeral da Emigración a Venezuela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2022.

A Secretaria Xeral da Emigración destina, a través dun acordo de colaboración, 30.000 euros para a Fundación Fillos de Ourense, FUNDAOURENSE, de cara á axudar na atención asistencial e sanitaria básica ás persoas galegas residentes en Venezuela que, por cuestións de idade e/ou circunstancias sociofamiliares, presenten problemas de carácter social e humanitario.

Esta entidade sen ánimo de lucro ten como obxectivos primordiais, entre outros, a protección á infancia, ás persoas anciás e a solución de problemas sociais. Na actualidade está a desenvolver un importante labor socioasistencial orientado á atención a persoas en situacións extremas de marxinación, de pobreza ou de abandono. 

A institución destaca na busca de persoas galegas que poden atoparse nesa situación ás que lles presta axuda alimenticia, produtos de hixiene, consultas médicas, medicinas, roupa ou simplemente compañía, no caso de persoas maiores con falta de protección familiar. 

A Secretaría Xeral da Emigración considera que esta entidade é a institución idónea para o outorgamento desta axuda de carácter singular e excepcional para mellorar a saúde, o benestar social e a calidade de vida da colectividade de emigrantes galegas e galegos residentes en Venezuela.

359 lecturas