Emigración convoca o programa “Reencontros co Xacobeo” para 205 galegas e galegos do exterior, vinculados ás entidades de España, Europa e América
O DOG publica hoxe a convocatoria desta iniciativa para galegas e galegos do exterior maiores de 65 anos, co obxectivo de difundir o Camiño de Santiago e o fenómeno do Ano Santo Xacobeo.
Este ano recupérase a convocatoria para as persoas dos centros galegos de América.
O programa desenvolverase na primeira quincena de outubro, realizando pequenas etapas do Camiño de Santiago.
O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a convocatoria das axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a participación das persoas maiores de 65 anos vinculadas ás entidades galegas do exterior no programa “Reecontros co Xacobeo”, que ofrece 205 prazas para realizar o Camiño de Santiago durante unha semana no mes de outubro deste ano.
Esta iniciativa ten como obxectivo promover os lazos das persoas vinculadas ás entidades galegas con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago que existen tanto no resto das comunidades autónomas, como nos países europeos. Este ano vólvese abrir a convocatoria tamén aos centros galegos de América.
O obxectivo é que, unha vez vivida a experiencia, as e os participantes poidan colaborar como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que as entidades teñen a súa sede.
Esta iniciativa oferta 205 prazas desenvolvéndose, previsiblemente, na primeira quincena de outubro. Consiste en realizar pequenas etapas do Camiño de Santiago e un achegamento ao patrimonio cultural e natural das respectivas zonas visitadas.
Este programa, que conta cunha dilatada traxectoria, desenvolveuse o ano pasado e o actual centrados no Ano Santo de cara a promocionar o Xacobeo sen perder o espírito de reencontro con Galicia co que naceu esta iniciativa fai máis de 30 anos.
A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos traslados das e dos participantes mediante o financiamento dos custos desde o seu lugar de orixe ata Galicia e dos do regreso. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos en Galicia e do seu aloxamento e manutención.
O prazo de presentación de solicitudes, que se abre hoxe, será ata o 23 de xullo. Máis información nesta ligazón.
Novas relacionadas