Emigración destina 65.000€ á Federación de Sociedades Gallegas de Cuba para manter a Oficina social de información e asesoramento da Habana

Esta axuda ten como obxectivo reforzar o funcionamento desta oficina que permite axilizar as axudas de atención social aos galegos e galegas residentes neste país e coordinar o resto de puntos de asesoramento situados noutras provincias cubanas.

A Federación de Sociedades Gallegas de Cuba ten a súa sede no Palacio do antigo Centro Gallego da Habana
A Federación de Sociedades Gallegas de Cuba ten a súa sede no Palacio do antigo Centro Gallego da Habana
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022.

A Secretaria Xeral da Emigración destina, a través dun acordo de colaboración, 65.000 euros para a Federación de Sociedades Gallegas de Cuba de cara a manter a Oficina de Información situada na Habana que permite tramitar as axudas de atención social aos galegos e galegas residentes neste país e coordinar o resto de puntos de asesoramento situados noutras provincias cubanas. 

Esta entidade sen ánimo de lucro agrupa a un total de 46 sociedades galegas e ten a súa sede no Palacio do antigo Centro Gallego da Habana, sendo a entidade galega de referencia en todo o país e desenvolvendo actividades que contribúen a manter e reforzar os vínculos coa galeguidade cubana e a difusión do noso patrimonio cultural e artístico. Nesta sede vén funcionando dende o 2007 a Oficina Social de Información e Asesoramento, creada co fin de difundir e colaborar na xestión das solicitudes dos programas e axudas da Secretaría Xeral da Emigración. Ademais, exerce un labor de coordinación dos puntos de información existentes co mesmo fin ao longo de todo o país, mantendo un labor social e asistencial orientado a galegos e galegas que se atopan nunha situación de necesidade. 

A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando coa Federación de Sociedades Gallegas de Cuba, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente neste país caribeño que estean a pasar dificultades vitais. En Cuba residen na actualidade máis de 43.500 cidadás e cidadáns de ascendencia galega. 
 

426 lecturas