Exposición de fotografía "Lito Pareidolia. Unha mirada aos montes da Pedra do Cadro", en Madrid

Listen to this page using ReadSpeaker
299 lecturas

O martes 5 de abril ás 19:30 h, na Casa de Galicia en Madrid - Delegación da Xunta de Galicia en Madrid, inaugúrase a exposición de fotografía Lito Pareidolia. Unha mirada aos montes da Pedra do Cadro, de Eduardo Cimadevila Niño.

  • Durante o acto de presentación, Eduardo Cimadevila estará acompañado por Javier Mª Navas Alonso, que tamén é o autor do prólogo do catálogo da exposición.
  • A través desta exposición, poderanse contemplar 56 fotografías que recollen seis anos de traballo do fotógrafo madrileño, durante os que estivo percorrendo os camiños dos montes da Pedra do Cadro. Nesta zona, pertencente ao concello de Muros, atópanse escondidos bloques de granito con formas e figuras caprichosas, de suxestiva beleza, que lembran a animais ou humanos.
  • A exposición ten como título Lito Pareidolia. Esta palabra, pareidolia, é unha expresión grega derivada de eidolon, ‘figura ou imaxe’ e o prefixo para, ‘xunto a’ que fai alusión a aquilo que mantén unha similitude con algo que non é.

  • Ao redor da Ría de Muros, entre Abelleira e Esteiro, atópanse os montes de Pando, máis coñecidos popularmente como os montes da Pedra do Cadro, onde se esconden bloques graníticos que, baixo a mirada persoal de Cimadevila, simulan contornos de figuras antropomorfas de seres míticos (David e Goliat), animais mariños (golfiños, baleas, quenllas...) cuadrúpedos e aves (can, perdiz, voitre...), entre outros. 

  • Con esta mostra o autor pretende dar a coñecer un patrimonio natural, descoñecido e pouco estudado desta zona de Galicia, a Ría de Muros, a través dunhas singulares pedras de curiosa aparencia ás que retratou para deixar constancia da súa existencia.

  • Eduardo Cimadevila Niño  (Madrid, 1957) é licenciado en Ciencias da Información e Técnico Especialista en Imaxe e son (FP). Durante 34 anos dedícase á docencia no ensino público da CAM como profesor Técnico de Formación Profesional na especialidade Procedementos de Imaxe e Son. Desde 1974 desenvolveu un actividade creativa centrada na elaboración de coleccións de fotografía de autor: Músicos dos 80. A movida Madrileña; Lito Pareidolia (Unha mirada aos montes da Pedra do Cadro); Paisaxe Natural; O mundo das flores; O bosque habitado; O Parque con encanto (Unha mirada aos xardíns do Bo Retiro de Madrid); A xanela... Coa obra gráfica organizou a montaxe de exposicións por todo o territorio español: Madrid, Galicia, Castela, Estremadura... Entre as publicacións destacan o libro La movida madrileña, coa editorial Tebar-Flores, e a portada dos discos Bailaré sobre vuestra tumba, de Siniestro Total (Discos Dro) e Hazme gritar, de Burning (Discos Victoria).

Datas da exposición: do 05.04.2022 ao 29.04.2022

Horario de visita: de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas - Festivos: de 10:00 a 14:00 horas.

Exposición de fotografía "Lito Pareidolia. Unha mirada aos montes da Pedra do Cadro", en Madrid
Evento: 
Exposición
Organiza: 
Casa de Galicia en Madrid - Delegación da Xunta de Galicia en Madrid
Data: 
05.04.2022
29.04.2022
Hora: 
10:00
Lugar:
Casa de Galicia en Madrid
Casado del Alisal, 8
Madrid - 28014Madrid
España
Máis eventos na Axenda de GaliciaAberta: