Emigración destina 1M€ ás Axudas ao Retorno Emprendedor, que facilitan ata 10.000 euros para poñer en marcha un proxecto empresarial

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a apertura da nova convocatoria para este ano. 

As e os interesados poden informarse tamén a través da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno que existe en cada provincia.

O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá, martes 5, e remata o 30 de setembro
O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá, martes 5, e remata o 30 de setembro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria das Axudas ao Retorno Emprendedor, que contará cun orzamento dun millón de euros e permitirán contar cun apoio económico de ata 10.000 euros para poñer en marcha un proxecto empresarial.

Estas axudas destínanse ás galegas e galegos que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, e teñen como obxectivo poder sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio. 

O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá, martes 5, e remata o 30 de setembro.

As axudas serán de 6.000 euros, aumentable en 1.000 se a persoa beneficiaria é muller, e outros 3.000 se a empresa se pon en marcha nun concello do rural. Deste xeito, unha persoa solicitante pode chegar ata os 10.000 euros de apoio para a posta en marcha do seu negocio, de maneira que poida fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así, ademais, o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

Estas axudas permitiron que, nos últimos anos, se destinaran dende a Secretaría Xeral da Emigración máis de 3M€ para a posta en marcha de máis de 500 proxectos empresariais en Galicia, cun impacto de investimento superior aos 25 millóns de euros para a nosa economía.   

Este tipo de iniciativas facilitan o acollemento a quen desexa iniciar unha nova vida en Galicia, recordando que as e os interesados tamén poden informarse de todo tipo de axudas ao retorno nas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situadas nas principais cidades galegas.

709 lecturas