Emigración finaliza a súa visita a Caracas na que puido comprobar o óptimo funcionamento da rede de apoio social dos centros galegos e as institucións españolas coas que colabora a Xunta

Esta rede de apoio beneficiou a máis de 10.000 familias galegas durante os anos de pandemia.

Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral deste departamento, recordou que entre as axudas á emigración e ao retorno, destináronse a Venezuela máis de 6,5M€ nos últimos dous anos. 

O secretario xeral da Emigración, na visita ao Centro de día da Hermandad Gallega de Venezuela
O secretario xeral da Emigración, na visita ao Centro de día da Hermandad Gallega de Venezuela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, finalizou a súa visita a Caracas tras comprobar como a aportación da Xunta beneficiou a máis de 10.000 galegas e galegos neste país nos dous anos de pandemia.

Miranda aproveitou a visita á capital do país caribeño para visitar a Hermandad Gallega de Venezuela e comprobar o funcionamento tanto do seu Centro de día como da Oficina social que colabora na tramitación de axudas e solicitudes das e dos galegos residentes neste país.

O secretario xeral tamén mantivo diversos encontros tanto con autoridades españolas no país como cos representantes das entidades galegas de toda Venezuela co obxectivo tanto de potenciar a coordinación entre institucións como de coñecer as necesidades actuais dos galegos e galegas.

Finalmente, Antonio Rodríguez Miranda tamén ofreceu unha charla informativa ante os socios e socias da Hermandad Gallega de Venezuela para informarlles tanto da actual convocatoria de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME, que permiten a 250 galegas e galegos do exterior realizar máster nunha universidade galega, como doutras liñas de axuda para facilitar o retorno a Galicia.

Antes de emprender o voo de regreso, o secretario xeral da Emigración mantivo unha reunión co CRE de Venezuela co que seguiu a analizar a situación da colectividade galega no país.

Neste senso, o secretario xeral da Emigración recordou que tanto a través de liñas destinadas á emigración como ao retorno a Galicia, a Xunta destinou nos últimos dous anos máis de 6,5 millóns de euros, “o que vén a demostrar o alto nivel de implicación do Goberno da comunidade autónoma cos galegos de Venezuela, xa que somos conscientes das moitas necesidades sociais e económicas xurdidas nestes anos a causa da pandemia e da delicada situación do país”.

391 lecturas