“Historias de ida e volta” ofrece un especial en lembranza da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia que cumpre 150 anos

Esta publicación fai así memoria dunha das sociedades benéficas máis destacadas da emigración en Cuba no seu aniversario.

Este proxecto web, que se ofrece mes a mes, está realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, aportando fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX.

Secretaría da entidade (1922). Fondo: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega
Secretaría da entidade (1922). Fondo: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2021.

O proxecto web Historias de ida e volta, realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, ofrece hoxe un capítulo especial en lembraza da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia no seu 150 aniversario.
 
Hoxe, 31 de decembro, cúmprense 150 anos da creación da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia (SBNG). Un centro creado en Cuba para atender ás e aos emigrantes galegos que tiñan problemas de saúde ou de traballo. O proxecto Historias de ida e volta, iniciativa do Arquivo do Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, suma unha entrega extra para documentar a  traxectoria deste centro fundamental para entender a emigración en Cuba.

No último terzo do século XIX medraba a colectividade galega presente na illa de Cuba. Foi naquel momento cando un pequeno grupo de emigrantes de gran renome crearon esta sociedade para atender a aqueles e aquelas emigrantes que tiñan problemas de saúde ou falta de traballo e recursos económicos. Naceu o 31 de decembro de 1871 e nos seus estatutos definiuse como unha institución benéfica, caritativa, protectora e asistencial, con tres prioridades básicas: socorrer con doazóns mensuais as e os paisanos galegos desvalidos e que estaban sen traballo, facilitarlles asistencia sanitaria en caso de enfermidade e asumir a repatriación para os que tivesen que retornar. 

A sociedade foi evolucionando e abriu a súa liña de acción do ámbito asistencial ata o cultural. Pouco a pouco comezou a programar festivais de música, conferencias e homenaxes a escritoras como Rosalía de Castro, Virginia Felicia Aubert ou Juana Mª de Vega, ás que nomearon como socias de honra da sociedade. Unha liña de acción que se mantén, xa que cada 25 de xullo celebraban o Día de Galicia cunha gran festa e un desfile polas rúas habaneiras.

Ao longo do século XX o prestixio da entidade mantívose na colectividade. A SBNG estivo moi vinculada ao Centro Gallego de La Habana, de feito ocupa un espazo no seu palacio desde 1922 no que continúa a atender, na medida das súas posibilidades, as necesidades dos socios e socias. As circunstancias tras a revolución cubana cambiaron e os seus bens foron expropiados, pero a entidade permaneceu activa, conservando e xestionando o panteón social e mantendo a chama de Galicia nas súas actividades.

Neste especial poden verse documentos que contribúen a entender a importancia que tivo este centro. Exhíbense, entre outros documentos, a acta fundacional desta entidade, un carné de socio, ou un rexistro de socorros. Un listado de socios numerados que percibían axudas económicas pola súa difícil situación, moitos deles hospitalizados na Benéfica do Centro Gallego.

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En catorce especiais documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

463 lecturas