A Xunta reforza as axudas ao retorno con máis de medio millón de euros co obxectivo de atender a un maior número de galegas e galegos na súa volta a Galicia

A Secretaría Xeral da Emigración reforza as axudas extraordinarias para galegas e galegos retornados en 258.000 euros.

Tamén aumenta a partida para as e os retornados emprendedores, con 300.000 euros máis. 

En total, en 2021 destináronse así 4 millóns de euros a estas dúas liñas.

O DOG publica hoxe a ampliación en 558.000 euros da dotación orzamentaria para estas dúas liñas de axuda
O DOG publica hoxe a ampliación en 558.000 euros da dotación orzamentaria para estas dúas liñas de axuda
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación da dotación orzamentaria para as liñas de apoio ao retorno, tanto para axudas extraordinarias como para o retorno emprendedor, por un montante total de 558.000 euros.

Deste xeito, a Secretaría Xeral da Emigración reforza así as axudas extraordinarias para galegas e galegos retornados en 258.000 euros, e en 300.000 euros para o retorno emprendedor co obxectivo de poder atender a un maior número de galegas e galegos na súa volta a Galicia, dado o gran volume de solicitudes presentadas para ambas axudas. En total, serán 4 millóns de euros os destinados en 2021 a estas dúas liñas. 

As axudas extraordinarias teñen como obxectivo axudar a facer fronte aos gastos da unidade familiar derivados do retorno ante unha situación de dificultade. Os beneficiarios e beneficiarias serían as persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, se establezan na comunidade autónoma galega, tanto as e os nados na propia comunidade autónoma como as e os seus cónxuxes ou descendentes. A maiores, deben contar tamén co empadroamento en Galicia e ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno.

No caso das axudas ao retorno emprendedor, trátase dunha liña de subvencións que ten como fin favorecer o retorno a nosa comunidade autónoma das e dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

518 lecturas