Miranda agradece o compromiso das entidades galegas que permite o mantemento dos programas sociais e o reparto de medicinas á colectividade en Venezuela

O secretario xeral da Emigración mantivo nas últimas horas unha reunión por vIdeoconferencia cos centros e irmandades galegas do país americano na que recordou que aínda está aberto o prazo das Axudas de emerxencia social. 

O secretario xeral da Emigración, durante a videoconferencia cos representantes das entidades galegas en Venezuela
O secretario xeral da Emigración, durante a videoconferencia cos representantes das entidades galegas en Venezuela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo nas últimas horas unha reunión por videoconferencia coas entidades galegas de Venezuela co obxectivo de coñecer a situación da colectividade galega neste delicado momento sanitario e social do país americano, na que recordou que aínda está aberto o prazo das Axudas de emerxencia social.   

Nesta xornada estivo tamén presente a subdirectora de Relacións coas Comunidades Galegas, Isabel Martínez Pellicer. Ao encontro telemático asistiron os presidentes da Hermandad Gallega de Venezuela e a de Valencia, así como os centros galegos de Maracaibo e Puerto La Cruz, xunto aos da Fundación Fillos de Ourense-Fundaourense e a Federación de Centros Españoles en Venezuela.

O obxectivo da reunión foi, por unha banda, coñecer a situación dos galegos e galegas residentes en Venezuela ante a situación da crise social que atravesa o país ao que se debe sumar a pandemia actual da covid-19 ante a apertura total do país. Neste senso, o secretario xeral agradeceu o compromiso mantido polas entidades galegas no traballo coa colectividade galega, o que permitiu que se puidera continuar con programas de axudas sociais así como co reparto de medicamentos, que este ano permite por a disposición dos 33.000 galegos e galegas que residen neste país produtos sanitarios por un importe de 200.000 euros.

“Entre todos conseguimos manter a rede que facilita o apoio e a axuda aos galegos que así o precisan neste delicado momento polo que atravesa Venezuela”, engadiu Miranda.

Neste senso, o secretario xeral da Emigración recordou que segue aberta, ata o próximo 15 deste mes, a liña de axudas de emerxencia social, que ten como obxectivo apoiar economicamente a quen carece dos recursos económicos necesarios para atender problemas sobrevidos de carácter extraordinario, xa sexan sociais, sanitarios ou asistenciais, e que este ano aumentou ata chegar a un orzamento de 500.000 euros ante a situación da pandemia.

Estas axudas destínanse a persoas emigrantes galegas e aos seus fillos e fillas que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior e que, por cuestións urxentes e extraordinarias, se atopen en situacións de emerxencia social, incluídas as derivadas da situación de pandemia xerada pola covid-19. Estes apoios económicos consisten en axudas de ata 3.000€ por persoa beneficiaria.

Os requisitos necesarios para solicitar estas axudas é ter rendas ou ingresos insuficientes, contar cun patrimonio insuficiente ou acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da súa solicitude como máximo nos últimos doce meses e que, pola súa gravidade, requiran dunha actuación urxente. 

As persoas interesadas poden coñecer a nova liña a través desta ligazón.

585 lecturas