A Xunta aposta polo retorno dentro do marco normativo das novas medidas en materia demográfica

Galicia foi a primeira comunidade que aprobou unha lei dirixida a facer fronte ao reto demográfico.

A Xunta de Galicia aposta polo retorno como unha das medidas esenciais deste novo marco lexislativo demográfico
A Xunta de Galicia aposta polo retorno como unha das medidas esenciais deste novo marco lexislativo demográfico
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2021.

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou recentemente na xornada ‘Respostas normativas fronte aos retos demográficos’, organizada polo Consello Consultivo de Castela e León en Zamora. Durante a súa intervención salientou a importancia de contar cun marco normativo que axude a blindar as medidas deseñadas para frear o declive demográfico e puxo como exemplo a Galicia, a primeira comunidade en aprobar unha Lei de Impulso Demográfico a comezos deste mesmo ano. 

A Xunta tamén aposta polo retorno como unha das medidas esenciais deste novo marco lexislativo demográfico, que busca impulsar o regreso da poboación galega residente no exterior e da súa descendencia mediante o afianzamento dos seus vínculos con Galicia, o acceso a programas e servizos en igualdade de condicións que o resto da poboación galega e o apoio para acadar a súa plena integración social e laboral. Así mesmo, recóllense previsións dirixidas á captación de nova poboación en correspondencia coas demandas do mercado laboral e ao desenvolvemento de programas de acollida que faciliten a integración das novas persoas que se asenten en Galicia.

Esta lei permite darlle harmonía a algunha das medidas impulsadas durante os últimos anos polo Goberno galego, como a Tarxeta Benvida, as rebaixas fiscais que se aplican ás familias con fillas ou fillos, os descontos en certos servizos como autoestradas autonómicas para as familias numerosas ou a posta en marcha de centros de conciliación no rural como as casas niño.

Neste encontro participaron xunto ao director xeral da Xunta representantes doutras comunidades nas que se está a traballar na aprobación dunha lei destas características. É o caso de Castela-A Mancha, que foi a segunda comunidade en contar cunha lei de impulso demográfico en España, así como Estremadura e Castela e León, que están en trámites para aprobar a súa propia lexislación.

663 lecturas