A Xunta convoca a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para o próximo 22 de outubro

A convocatoria desta reunión, que será telemática, será a cuarta deste ano, o que permitirá continuar a traballar no seguimento da relación cos galegos e as galegas do exterior. 

Foto de arquivo da última reunión da Comisión Delegada do CCG na que estivo presente o presidente da Xunta de Galicia
Foto de arquivo da última reunión da Comisión Delegada do CCG na que estivo presente o presidente da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2021.

A Secretaría Xeral da Emigración informa da publicación no DOG de hoxe, 11 de outubro, da convocatoria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas que se celebrará de xeito telemático o próximo 22 de outubro.

Este encontro, que se celebra este ano por cuarta vez, supón unha continuidade no traballo permanente de contacto coas comunidades galegas no exterior.  

O órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade está conformado por doce entidades electas, catro representando aos galegos e galegas de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outras catro que representan ás e aos galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. Como membros natos do organismo permanecen a Casa de Galicia de Montevideo (O Uruguai) e a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 persoas asociadas. 

A Comisión, que se reúne con carácter ordinario alomenos unha vez ao ano, está presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidente do Consello de Comunidades Galegas, e o vicepresidente é o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.   
 

521 lecturas