Unha galega retornada forma a mulleres co apoio da Xunta para que potencien as súas carreiras no sector tecnolóxico

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen estivo acompañado pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, afirma en Santiago que a incorporación á sociedade galega das retornadas e retornados está a xerar un gran pulo na innovación dixital.

O programa de axuda a emprendedoras e emprendedores retornados está aberto ata o 30 de setembro e contempla este ano apoios económicos para a posta en marcha de novos negocios pero tamén unha liña especial de reforzo covid co obxectivo de  apoiar ás e aos emprendedores retornados polos efectos da pandemia.

Antonio Rodríguez Miranda, Susana López Abella e Adriana Lueiro, esta mañá en Teo
Antonio Rodríguez Miranda, Susana López Abella e Adriana Lueiro, esta mañá en Teo
Adriana Lueiro - Axudas ao Retorno Emprendedor
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, coñeceu hoxe o proxecto empresarial dunha moza de Teo, retornada do Canadá, que puxo en marcha, co apoio da Xunta de Galicia, unha empresa dedicada a formar mulleres para potenciar as súas carreiras no sector tecnolóxico.

Adriana Lueiro Espantoso retornou a Galicia o ano pasado ano, tras traballar en empresas startup, comercializadoras de produtos ou servizos a través do uso intensivo das tecnoloxías da información. No seu retorno, viaxou primeiro a Barcelona, onde, segundo ela mesma explica, comprobou que as mulleres tiñan en España máis dificultades para poder acceder á creación de empresas tecnolóxicas e a coñecer cales son as súas vantaxes persoais para facelo, polo que se decantou por poñer en marcha un proxecto empresarial que as forme para potenciar as súas carreiras, tanto no autoemprego como na busca dun posto laboral. Foi entón cando decidiu regresar a Galicia e crear aquí a súa iniciativa.

Para a posta en marcha da súa firma contou cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 8.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedoras e emprendedores retornados

O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial das galegas e galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, moitos deles, como no caso de Adriana Lueiro, de alta cualificación profesional, aportando innovación e formación para a inclusión da muller nun sector como é o tecnolóxico”.    

Antonio Rodríguez Miranda tamén destacou a iniciativa desta galega retornada que, ademais, está a aproveitar a oportunidade que a Fundación Ronsel está a ofrecer, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, aos emprendedores e emprendedoras que se apuntaron no programa Merlo de mentoría para novos negocios, e que está a aportar ás e aos integrantes da iniciativa ferramentas para implementar as súas firmas e impulsar os seus proxectos. 

Orzamento de 800.000 euros
Neste senso, Rodríguez Miranda recordou que continúa aberta a nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano beneficiáronse da mesma 94 emprendedoras e emprendedores retornados.

Este programa de axudas ao emprendemento das e dos retornados conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”.  

Deste xeito,  o programa conta con dúas liñas de axuda para persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, unha que promova o autoemprego co obxectivo de fomentar o establecemento como persoas autónomas ou por conta propia, e outra, relativa á covid-19, destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia. O prazo de presentación remata o 30 de setembro.

As axudas serán de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña.

Desde a posta en marcha deste programa, foron case 300 as galegas e galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración. 

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma dos galegos e galegas residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

A secretaria xeral da Igualdade, pola súa banda, destacou que o programa Emega de emprendemento feminino promovido pola Xunta ten para a área da innovación e a tecnoloxía unha liña específica de apoio. 

A Xunta ampliou este ano nun 54% o orzamento do programa Emega ata os seus históricos 3,2 millóns de euros. Tamén vén de incrementar todos os incentivos do programa en 2.000 euros, polo que as contías para as beneficiarias oscilarán entre os 8.000 e os 42.000 euros, en función dos postos de traballo xerados. Tal e como remarcou López Abella, apoiar o liderado económico e social das mulleres fomentando o emprego feminino liderado por elas mesmas é un dos piares irrenunciables sobre os que se asenta a actuación da Xunta. Neste camiño, indicou, é fundamental promover a iniciativa empresarial e o emprego feminino en áreas tecnolóxicas, polo que o programa Emega pon ao dispor das súas beneficiarias unha liña específica de actuación, ITEF, para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais de carácter innovador no eido da investigación e da tecnoloxía.

625 lecturas