A Xunta convoca a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para o próximo 14 de xullo

A reunión será a terceira que se celebra este ano e volverá a convocarse de xeito telemático, co obxectivode manter o contacto permanente ante as dificultades que está a xerar a actual pandemia.

A reunión permitirá seguir a analizar a situación das comunidades galegas no mundo e coñecer o avance dos diversos proxectos relacionados co Xacobeo así como dos impactos das axudas postas en marcha dende este departamento autonómico.

Foto de arquivo da última reunión da Comisión Delegada do CCG na que estivo presente o presidente da Xunta de Galicia
Foto de arquivo da última reunión da Comisión Delegada do CCG na que estivo presente o presidente da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021.

A Secretaria Xeral da Emigración informa da publicación no DOG de hoxe da convocatoria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas que se celebrará de xeito telemático o próximo 14 de xullo.

Este encontro telemático supón unha continuidade no traballo permanente de contacto coas comunidades galegas do exterior no que se analizará a situación na que se atopan estas colectividades no actual escenario mundial da covid-19. Tamén se vai  continuar analizando os impactos dos programas de axudas postas en marcha este ano co gallo da pandemia e coñecerase a evolución das diferentes accións que están a por en marcha tendo en conta que estamos xa a celebrar o Xacobeo.

O órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade está conformado por doce entidades electas, catro representando aos galegos e galegas de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outras catro que representan ás e aos galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. Como membros natos do organismo permanecen a Casa de Galicia de Montevideo (O Uruguai) e a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 persoas asociadas. 

A Comisión, que se reúne con carácter ordinario alomenos unha vez ao ano, está presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidente do Consello de Comunidades Galegas, e o vicepresidente é o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.  Esta sería xa a terceira reunión que se desenvolve neste ano, pois trátase de ter un contacto máis directo e intenso, polas dificultades que se están a vivir en todo o mundo.

877 lecturas