O secretario xeral da Emigración recibe ao cónsul xeral da República Oriental do Uruguai, Ramiro Rodríguez Bausero, acompañado polo delegado da Xunta de Galicia en Uruguai, Alejandro López Dobarro

Miranda, Rodríguez Bausero e López Dobarro, na sede de Emigración na capital de Galicia
Miranda, Rodríguez Bausero e López Dobarro, na sede de Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta de Galicia no Uruguai, Alejandro López Dobarro, recibiu no seu despacho ao cónsul xeral da República Oriental do Uruguai, Ramiro Rodríguez Bausero.

Na reunión analizaron a situación dos galegos e galegas tanto das e dos retornados dende este país a Galicia, como a das e dos emigrantes que residen alí. O cónsul xeral pola súa banda informou ao responsable de Emigración sobre as inquietudes dos uruguaios e uruguaias residentes na nosa comunidade autónoma. 

Ambos constataron os importantes vínculos persoais e incluso familiares existentes entre ambas colectividades, que sen dúbida teñen como eixe común o retorno da colectividade galega á súa terra considerando que, en moitos casos, a unidade familiar conta con diferente nacionalidade, española e uruguaia. Neste punto o secretario xeral subliñou a importancia de dirixirse ás oficinas de asesoramento e seguimento ao retorno que a Xunta de Galicia ten abertas nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo a disposición das familias para a súa orientación en calquera das casuísticas  que afecten á situación de fixar a súa residencia en Galicia.

Durante a reunión tamén tiveron ocasión de intercambiar opinión sobre as diferentes actividades que veñen realizando ambos departamentos para as súas respectivas colectividades e estudar futuras vías de colaboración. O titular de Emigración tivo ocasión de expoñer as diferentes liñas de actuación para a diáspora galega.

Na actualidade o colectivo de galegas e galegos que residen no Uruguai ascende a 40.541, e o de cidadás e cidadáns uruguaios en Galicia ascende a 2.123.

991 lecturas