A Xunta apoiará a incorporación de 250 persoas asociadas en 120 cooperativas con axudas desde 6.000€ a través do programa Aprol Economía Social

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou no Parlamento que esta iniciativa conta cun orzamento de 3,3 millóns, un 8,15% máis que en 2020.

O Goberno galego promove con estes apoios, que se poden solicitar ata o 30 de setembro, o emprego nas cooperativas e sociedades laborais.

Estas axudas permitiron nos últimos catro anos que preto de 2.000 persoas accederan a un milleiro de cooperativas galegas.

Os apoios base aumentan nun 25% para mulleres, maiores de 45 anos, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social ou persoas emigrantes retornadas, entre outros, sendo acumulables estes incrementos.

Esta medida fomenta a creación e consolidación de cooperativas xuvenís cun incremento nos apoios base e con incentivos específicos para menores de 30 anos.

O Goberno galego porá en marcha dous novos programas para impulsar a economía social en Galicia: Es-Transforma (1M€) para recuperar empresas con perspectiva de peche a través da súa transformación en compañías de economía social; e o Bono Consolidación (2,87M€) para a cobertura de pequenos investimentos.

Esta é unha das preto de sesenta medidas da Estratexia Galicia Retorna da Xunta
Esta é unha das preto de sesenta medidas da Estratexia Galicia Retorna da Xunta
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor na Cámara galega o programa de axudas Aprol Economía Social co que o Goberno galego prevé este ano apoiar a incorporación de 250 socias e socios en 120 cooperativas a través dun orzamento que se reforza nesta edición e aumenta nun 8,15% con respecto a 2020, ata chegar aos 3,3 millóns de euros.

Lorenzana destacou a importancia que ten a economía social en Galicia, que representa -dixo- “un selo de identidade e unha peza clave no tecido económico galego” cun peso do 7% no PIB e con especial presenza no rural. “Ten sen dúbida un papel decisivo na reactivación do noso tecido produtivo”, indicou.

Aprol Economía Social, que se pode solicitar ata o 30 de setembro, conta con dúas liñas de axuda para fomentar a creación de emprego en cooperativas e sociedades laborais. Por un lado, dispón de apoios orientados a facilitar a incorporación como socias ou socios traballadores a persoas sen emprego, con carácter temporal ou a proba e, como novidade, este ano, dáse a posibilidade de apoios a aquelas cooperativas ou sociedades laborais que proceden da reconversión ou transformación de empresas mercantís cando incorporen como socias ou socios a persoas que tiñan unha relación laboral estable na empresa de orixe. Esta liña de axudas, destinada polo tanto ás empresas, ten un orzamento de 1,82 millóns de euros.

Doutra banda, a segunda liña de axudas, dotada con 1,5 millóns de euros, abarca financiamento dirixido a persoas desempregadas para promover a súa incorporación a empresas de economía social, facilitando a achega ao capital social que resulta necesaria para a súa incorporación á cooperativa. Poden tamén ser beneficiarias do programa as persoas asalariadas, socias a proba ou a tempo parcial co obxectivo de conseguir a consolidación dos seus empregos e a plena integración na cooperativa ou sociedade laboral. Esta parte do programa tamén inclúe unha novidade: o acceso a aquelas persoas emprendedoras que, iniciando unha actividade económica por conta propia, se incorporen a unha cooperativa en réxime de exclusividade.

“Aprol Economía Social, polo tanto, cobre dúas perspectivas: axudas para a entidade que incorpora a novos socios e apoios para a persoa que accede, polo que se consegue un impulso integral”, apuntou Lorenzana.

Apoios a quen máis o precisa
Ambas liñas de axudas contemplan apoios que parten dunha contía base xeral de 6.000 euros (será de 3.000€ no caso de que a axuda sexa para socias e socios a tempo parcial que pasen a tempo completo) con incrementos acumulables do 25% para favorecer o emprego a colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, como son as mulleres, maiores de 45 anos, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, persoas emigrantes retornadas ou persoas trans, así como aqueles casos nos que o centro de traballo ao que se incorpore a persoa social estea situado nun concello rural. “Promovemos non só a contratación de carácter indefinido, senón que tamén apostamos con maior intensidade por quen precisa dun maior apoio”, engadiu a conselleira.

Esta iniciativa, ademais, contempla un tratamento singular para as persoas mozas menores de 30 anos (35 anos se se trata de persoas con discapacidade), promovendo a creación e consolidación de cooperativas xuvenís. Inclúe incrementos significativos ás contías xerais e prevé incentivos específicos para a incorporación como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba para menores de 30 anos. En palabras de Lorenzana, Aprol Economía Social é unha ferramenta “de impulso e reforzo da nosa economía social” que permitiu en catro anos que arredor de 2.000 persoas se incorporaran a un milleiro de cooperativas. Só en 2020, este programa permitiu dar apoio a 109 cooperativas e 236 novos socios e socias.

A conselleira, por último, fixo referencia a outros programas que promove a Xunta para impulsar a economía social como son dúas novas medidas que se porán en marcha este ano: Es-Transforma que, cun millón de euros, estará centrado en axudar a empresas que por motivos económicos ou por falta de relevo xeracional teñen perspectiva de peche e queiran transformarse en empresas de economía social; e o Bono Consolidación que, con 2,87 millóns de orzamento, terá como fin achegar a 300 empresas axudas para a cobertura de gastos e para a realización de pequenos investimentos para a consolidación do seu negocio, en especial, para adaptarse ao novo contexto económico e a era dixital.

En definitiva, a conselleira ratificou o apoio da Xunta á economía social e sinalou que o orzamento previsto para a Estratexia galega de economía social (2019-2021) superouse acadando os 80 millóns de euros fronte aos 73 millóns inicialmente previstos.

865 lecturas