Emigración coñece un proxecto empresarial dun galego retornado de Hungría que proporciona solucións de alta tecnoloxía de iluminación para establecementos comerciais

Antonio Rodríguez Miranda destacou o apoio da administración autonómica a este tipo de iniciativas que favorecen o retorno, a posta en marcha de novos negocios e a creación de emprego. 

A nova liña de axudas para emprendedoras e emprendedores retornados da Secretaría Xeral da Emigración continúa aberta e conta cun orzamento de 800.000 euros.

Antonio Rodríguez Miranda e Daniel Santos, na sede da SXE en Santiago de Compostela
Antonio Rodríguez Miranda e Daniel Santos, na sede da SXE en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe a un profesional emprendedor retornado de Hungría, Daniel Santos Canelles, que foi apoiado pola Xunta para a posta en marcha en Galicia en 2018 dun proxecto empresarial dedicado  a proporcionar solucións de iluminación para establecementos comerciais.  

Daniel Santos, de orixe galega, retornou dende Hungría no 2018, poñendo en marcha esta nova firma, Vitien, que desenvolve por vía telemática e mediante a que se ofrece deseño de iluminación e equipos para empresas galegas, tendo entre as e os seus clientes a Roberto Verino.

Este galego emprendedor desenvolveu labores de enxeñería para iluminación led nunha gran multinacional en Hungría.  

“Dende a Xunta de Galicia apostamos polo retorno dos nosos galegos, porque, como no caso de Daniel Santos, traen consigo un coñecemento importantísimo que aporta valor engadido e que nos permiten avanzar coma sociedade”, explicou Miranda. 

Para a posta en marcha deste negocio contou en 2018 cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 6.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedoras e emprendedores retornados.  

O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial das e dos galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, apostando moitas delas polas novas tecnoloxías, e que favorecen o retorno, o traslado a Galicia de experiencias doutros países e a creación de emprego”.

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou a visita para recordar que continúa aberta esta nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano beneficiáronse da mesma 94 emprendedoras e emprendedores retornados.

Este programa de axudas ao emprendemento das persoas retornadas conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”. O prazo de presentación remata o 30 de setembro.

As axudas son de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña. 

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma dos galegos e galegas residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.  

848 lecturas