Feijóo avanza o novo plan de familias numerosas que duplicará o seu financiamento superando os 62 millóns de euros

Destaca que esta iniciativa engloba un total de 48 medidas en cinco ámbitos distintos que se estenderán ata o ano 2023.

Aplícanse beneficios fiscais na compra de vivenda, bonificacións do 50% no canon da auga e vertedura e ofrécense achegas de ata 450 euros na factura eléctrica.

Créase un título de familia numerosa dixital, que permitirá acceder a el dun xeito máis cómodo, mesmo a través do móbil.

Entre outras vantaxes están as axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas
Entre outras vantaxes están as axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2021.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello o novo Plan de familias numerosas que abarcará ata o ano 2023 e duplicará o seu financiamento, superando os 62 millóns de euros.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que o plan estrutúrase en cinco áreas de actuación e 48 medidas. Así, a primeira área refírese ao acompañamento das e dos máis pequenos polas diferentes etapas educativas e tamén nas actividades de cultura e lecer, con iniciativas como: a redución ou exención -no caso das familias numerosas de categoría especial- do pago das matrículas universitarias, unhas vantaxes que se estenden a outros estudos superiores; descontos na compra de entradas en espectáculos e eventos culturais; ou axudas para o servizo de comedores escolares para o alumnado en ensinanza básica obrigatoria.

En segundo lugar, acompañarase ás familias numerosas no seu acceso á vivenda e nos transportes. Deste xeito, ademais de ser preferentes no Plan Estatal de Vivenda, contarán con bonificación do 50% no canon da auga e vertedura; con axudas para facer fronte á factura eléctrica, que no caso das familias numerosas acada os 450 euros ao ano; e con descontos do 20 ou do 50% nas viaxes en transporte público da Xunta para familias numerosas de categoría xeral e especial, respectivamente.

No tocante á terceira área, Feijóo aseverou que estará centrada en axudar ás familias que precisan conciliar a súa vida laboral e familiar, a través de medidas para a redución de xornada, que poden ser de ata 3.700 euros para compensar a renuncia á metade da xornada laboral; a Tarxeta Benvida, que para as familias numerosas duplica a súa contía -2.400 euros que poden estenderse ata os tres anos, e chegar ata os 3.000 euros para os fogares do rural-; ou a gratuidade das escolas infantís para o segundo fillo ou filla e seguintes.

En relación aos beneficios fiscais, o titular da Xunta lembrou que Galicia é a única comunidade de España que ofrece unha dedución de ata o 100% de impostos coma o ITP e o AJD para as familias numerosas que merquen a súa vivenda habitual no rural; ademais de deducións na cota íntegra autonómica do IRPF, que poderán ir desde os 250 euros —no caso das familias numerosas de categoría xeral— e ata os 800 euros no caso das familias numerosas especiais cunha ou cun membro con discapacidade.

Así mesmo, destacan outras vantaxes como: axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, dentro da Estratexia Galicia Retorna; ou a redución das taxas para procesos selectivos de empregada ou empregado público, que poden ir desde unha redución do 50% para as familias numerosas en categoría xeral, ata a exención total no caso das familias en categoría especial.

Ademais de ordenar e dar coherencia aos beneficios que xa existen, Feijóo aseverou que este plan impulsará dúas novidades destinadas a mellorar substancialmente a calidade de vida destes fogares.

Por unha banda, contará con descontos nas autoestradas dependentes da Xunta, unha medida que se fará realidade neste verán e para a que, de feito, xa se están a instalar as cámaras de lectura de dispositivos de telepeaxe, que irán asociadas ás matrículas dos coches das familias numerosas. Ademais de incidir na reivindicación de que o Goberno central introduza descontos de ata o 60% para estas familias na AP-9.

E, por outra, crearase un título de familia numerosa dixital, que permitirá a todas e todos os seus membros acceder a el dun xeito máis cómodo, mesmo a través do móbil, e beneficiarse de todas as súas vantaxes.

“En definitiva, pensamos que era necesario facer este esforzo e duplicar o presuposto público para as 26.800 familias numerosas de Galicia e investir eses máis de 62 millóns de euros entre o ano 21 e o ano 23”, concluíu.

687 lecturas