Emigración coñece “Kalewa”, o proxecto empresarial apoiado pola Xunta dunha galega retornada que deseñou este aparato de pilates único en Europa

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que continúa aberto o novo programa de axudas para emprendedoras e emprendedores retornados cun orzamento de 800.000 euros. 

Nestes dous meses xa se presentaron 120 solicitudes nas dúas liñas coas que conta este ano, unha para a promoción do autoemprego e outra destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas a causa da pandemia.

Imaxe deste mediodía na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela)
Imaxe deste mediodía na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela)
Vídeo demostración de Kalewa
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, coñeceu hoxe, na explanada da Cidade da Cultura, o proxecto dunha emprendedora retornada da Arxentina que puxo en marcha en 2020 unha iniciativa de deseño e comercialización en liña dun aparato único en Europa para realizar actividades orientais a través da liña de axudas ao emprendemento deste departamento autonómico.

Karina Alejandra Lomba e a súa filla, Lara Castro Lomba, retornaron da Arxentina á terra natal dos avós da primeira, que eran oriundos de Lugo. Decidiron asentarse en Ames e dende alí poñer en marcha un proxecto relacionado coa súa especialidade, a práctica deportiva. Así naceu “Kalewa”, un aparato destinado á práctica deportiva de actividades coma o ioga, o pilates ou o tai chi. Para a posta en marcha deste negocio contou o ano pasado cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 8.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedoras e emprendedores retornados.  

O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial das e dos galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, moitos deles no rural, e xerando postos de traballo”.

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou o encontro para recordar que continúa aberto o novo programa de axudas que conta en 2021 cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedoras e emprendedores retornados. “Nos dous meses que levamos coa nova subvención aberta xa contamos con 120 solicitudes das dúas liñas coas que conta o programa este ano, unha cifra que demostra o interese polo emprendemento de aqueles que desexan volver a Galicia”, engadiu o secretario xeral.

E é que este programa de axudas ao emprendemento dos retornados e retornadas conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”.  

Deste xeito,  o programa conta con dúas liñas de axuda para persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, unha que promove o autoemprego co obxectivo de fomentar o establecemento como persoas autónomas ou por conta propia, e outra, relativa á covid-19, destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia. O prazo de presentación remata o 30 de setembro.

As axudas son de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma das e dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. 

Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia.

1000 lecturas