Miranda asiste ao espectáculo “Idioma da tinta” de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos no Centro Galego de Álava
Trátase dunha representación que une poesía e música coa que o centro vasco celebra xunto á Secretaría Xeral da Emigración o Día das Letras Galegas.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu esta mañá, no Centro Galego de Álava, á representación do espectáculo Idioma da tinta da poetisa Yolanda Castaño e o músico Isaac Garabatos.
Con esta obra, organizada pola Secretaría Xeral da Emigración e o Centro Galego de Álava, celébrase o Día das Letras Galegas, e está protagonizada por Yolanda Castaño, un dos rostros máis populares e internacionais da poesía galega, e o vigués Isaac Garabatos, un dos mellores e máis versátiles músicos galegos contemporáneos.
“Agradezo enormemente ao centro de Áraba a súa implicación nestes actos, xa que é un xeito moi fermoso de celebrar o noso Día das Letras Galegas a través dun espectáculo que fai fincapé na poesía, un dos xéneros preferidos de Xela Arias, a escritora a quen se dedicou este Ano”, explicou Miranda, quen engadiu que “demostrase así que a poesía galega actual ten moitísimo que aportar e é capaz de vertebrar un espectáculo emocionante, cheo de calidade artística e boa factura”.
O Centro Galego de Álava creouse en 1955 co obxectivo de axudar aos galegos e galegas que decidiron comezar unha nova vida na comunidade autónoma vasca, e conta na actualidade con 344 persoas asociadas. A súa sede ten unha biblioteca con máis de 3.000 volumes, salón de ensaios, txoko, oficinas, aulas de obradoiros, bar-restaurante e salón de actos.
Conta ademais, con dous grupos folclóricos, “O Aturuxo” e “Arte Galega”, unha escola de música e baile e un equipo deportivo. Anualmente desenvolven máis de 30 actividades con máis de 3.000 participantes.
Novas relacionadas