Emigración ofrece a obra do Centro Dramático Galego ‘Terceiro acto’, dentro das actividades polo Día das Letras Galegas

Imaxe da representación de 'Terceiro acto', do Centro Dramático Galego
Imaxe da representación de "Terceiro acto", do Centro Dramático Galego
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2021.

A Secretaría Xeral da Emigración ofrecerá mañá, domingo, a partir das 18 horas (de España), dentro da súa programación do Día das Letras Galegas e a través da súa páxina web, GaliciaAberta, a obra do Centro Dramático Galego, Terceiro acto, dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e que reúne un elenco de rostros moi coñecidos para o público como son Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha ‘Tatán’.

Esta peza ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida e reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual, converténdose nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices intégranse nas personaxes, que son elas e eles mesmos, para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das historias dunha parte viva do teatro en Galicia. Novamente, como xa ocorreu no caso da anterior obra de teatro emitida por streaming pola Secretaría Xeral da Emigración, O Charco de Ulises, tralo remate da emisión haberá un coloquio cos actores e actrices sobre o contido da representación e o seu significado.

940 lecturas