Miranda e López Diéguez reúnense coas e cos bolseiros BEME da Secretaría Xeral da Emigración que cursan este ano un mestrado no campus de Pontevedra

As alumnas e alumnos, estudantes universitarios galegos retornados, están a levar a cabo algún dos mestrados que oferta a UVIGO neste campus da cidade do Lérez.

Entre os temas que analizaron durante a reunión estiveron as problemáticas que viviron durante este ano cos peches sufridos pola pandemia, a súa preocupación pola homologación dos títulos universitarios dos seus países de orixe  e o seu desexo de continuar en Galicia cando rematen os seus estudos. 

O secretario xeral da Emigración e o delegado da Xunta en Pontevedra, coas e cos bolseiros BEME do campus da cidade do Lérez
O secretario xeral da Emigración e o delegado da Xunta en Pontevedra, coas e cos bolseiros BEME do campus da cidade do Lérez
Listen to this page using ReadSpeaker
Pontevedra, 11 de maio de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá, na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, un encontro cos bolseiros e bolseiras BEME que están a cursar un mestrado no campus da cidade do Lérez acompañado do delegado da Xunta nesta área territorial, Luis López Diéguez. Á reunión asistiron alumnas e alumnos dos mestrados que imparte o campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, que son galegas e galegos retornados do exterior, e que obtiveron en 2020 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.

Os responsables autonómicos coñeceron as historias persoais de cada un dos alumnos e alumnas que asistiron á reunión. Moitas e moitos deles decidiron solicitar esta bolsa de estudos para retornar á Galicia onde naceron ou por ser terra dos seus pais e nais ou avós e avoas, e incluso trouxeron consigo ás súas parellas e fillas e fillos.

Durante o encontro, os alumnos e alumnas trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre a situación da pandemia vivida estes meses e como afectou isto á súa experiencia formativa, e, tamén, trasladáronlle a súa preocupación polo retraso en conseguir a homologación dos seus estudos universitarios, xa que o Estado está tardando unha media de dous anos en facelas efectivas, o que lles causa problemas á hora de poder buscar un emprego axeitado á súa formación para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma.

Tamén se falou durante a reunión da complexidade da tramitación da residencia das familias das e dos galegos retornados que non contan con nacionalidade española.

Na actualidade 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrados que ofrecen a USC, a UVigo e a UDC, xa que algunhas e algúns dos matriculados do ano anterior aínda continúan desenvolvendo os seus estudos que constan de 90 créditos.

A convocatoria para as bolsas do próximo curso 2021/22 aumentan das 150 de 2020 ata as 200 para este ano de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da covid-19.   

O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22, co fin de axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da covid-19.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles e aquelas que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumnado). 

  • Audio coas declaracións do secretario xeral da Emigración | Descargar
830 lecturas