Miranda compromete coa Sociedade Rosalía de Castro de Santos un acordo de colaboración por 15.000 euros para a atención socioasistencial a galegas e galegos residentes nesta cidade do Brasil

O secretario xeral da Emigración mantivo nas últimas horas unha videoconferencia co presidente desta entidade, Casto Vieitez Fernández. 

O secretario xeral da Emigración, durante a videconferencia, no seu despacho na capital de Galicia
O secretario xeral da Emigración, durante a videconferencia, no seu despacho na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda mantivo nas últimas horas unha reunión por videoconferencia co presidente da Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Santos, Casto Vieitez Fernández, a quen se lle trasladou o compromiso dun acordo de colaboración por 15.000 euros para a atención sociosanitaria dos galegos e galegas residentes nesta cidade brasileira.

A Sociedade Beneficiente Rosalía de Castro de Santos é unha entidade sen ánimo de lucro, que conta actualmente con máis de cen scoias e socios emigrantes galegos, sendo a única entidade galega asistencial nesta cidade. Na actualidade, desenvolve unha importante política socio asistencial orientada a mellorar a asistencia médica das persoas da terceira idade necesitadas pertencentes á colectividade galega, atendendo de xeito cotiá a máis dunhas 20 persoas.  

Nas súas instalacións, a entidade facilita servizos de odontoloxía, oftalmoloxía, psicoloxía, e dispón dunha traballadora social que proporciona a este colectivo actividades sociais, de esparexemento, cultural e recreativo.  

A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con esta sociedade, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente en Brasil e que estean a pasar dificultades vitais, “especialmente no caso dos máis maiores, un colectivo xa de por si vulnerable e que nesta pandemia está a ser o máis afectado”, explicou Rodríguez Miranda. 

“O noso interese radica na pretensión de mellorar a súa saúde, o seu benestar social e a súa calidade de vida. Somos conscientes da necesidade que presentan a maiores este tipo de institucións pola situación vivida polo virus da covid-19 obriga a este tipo de entidades a levar a cabo diferentes accións de prevención”, engadiu o secretario xeral.

Brasil é o segundo país no mundo onde máis cidadás e cidadáns galegos residen na actualidade tras Arxentina, chegando aos 49.593. 

891 lecturas