Emigración coñece un proxecto empresarial de almofadas antiengurras dun galego retornado apoiado pola Xunta

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu esta mañá a un galego que regresou de Venezuela e recibiu unha axuda para o emprendemento da Xunta coa que creou a firma nunuku.com.

A nova liña de axudas para emprendedoras e emprendedores retornados xa se atopa aberta e contará cun orzamento de 800.000 euros. 

Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 as galegas e galegos retornados  que crearon proxectos empresariais con axuda de Emigración. 

  • Antonio Rodríguez Miranda e Álvaro Montes Gómez, esta mañá na sede da SXE en Compostela
    Antonio Rodríguez Miranda e Álvaro Montes Gómez, esta mañá na sede da SXE en Compostela
  • Antonio Rodríguez Miranda e Álvaro Montes Gómez, esta mañá na sede da SXE en Compostela
    Antonio Rodríguez Miranda e Álvaro Montes Gómez, esta mañá na sede da SXE en Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe a un emprendedor retornado de Venezuela que puxo en marcha en 2019 un proxecto empresarial on line a través da liña de axudas ao emprendemento deste departamento autonómico.

Álvaro Montes Gómez retornou de Venezuela en 2018 e puxo en marcha un proxecto de venda on line por encargo de almofadas nunuku.com que alivian a dor do pescozo e do lombo, e prevén as engurras e as marcas do soño no rostro. Para a posta en marcha deste negocio contou en 2019 cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 5.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedoras e emprendedores retornados.  

O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial das e dos galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, moitos deles no rural, e algúns incluso xerando postos de traballo”.

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou a visita para recordar que acaba de abrirse esta nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedoras e emprendedores retornados.

Este programa de axudas ao emprendemento dos retornados e retornadas conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”.  

Deste xeito,  o programa conta con dúas liñas de axuda para persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, unha que promova o autoemprego co obxectivo de fomentar o establecemento como persoas autónomas ou por conta propia, e outra, relativa á covid-19, destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia. O prazo de presentación remata o 30 de setembro.

As axudas serán de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña.

En 2020 a provincia da Coruña contou con 42 persoas beneficiadas por estas axudas. Na comarca de Santiago, beneficiáronse 9  galegas e galegos retornados: 6 na cidade do Apóstolo, 1 en Ames, outro en Teo e outro en Boqueixón.

Desde a posta en marcha deste programa, foron case 300 as galegas e galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma das e dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. 

Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinado pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia.

926 lecturas