Emigración destina ao Centro de Día do Centro Gallego de Mar del Plata 15.000 euros para a atención social a galegas e galegos residentes nesta cidade arxentina

O secretario xeral da Emigración mantivo hoxe unha videoconferencia coa presidenta desta entidade, María Fernanda Vidal Rodríguez, e o delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro.

  • Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia, na sede de Emigración en Santiago de Compostela
    Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia, na sede de Emigración en Santiago de Compostela
  • Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia, na sede de Emigración en Santiago de Compostela
    Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia, na sede de Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia coa presidenta do Centro Gallego de Mar del Plata na que se lle trasladou o compromiso dun acordo de colaboración por 15.000 euros para a promoción do apoio social dos galegos e galegas residentes que así o precisen nesta cidade arxentina a través do seu centro de día.

María Fernanda Vidal trasladoulle ao secretario xeral a preocupación que existe no país en torno a situación da pandemia, que está a influír en tódolos niveis, tanto sociais coma sanitarios e económicos. 

O Centro Gallego de Mar del Plata, conta na actualidade con case un millar de socias e socios, todas e todos eles naturais de Galicia ou descendentes. Nesta cidade arxentina existe unha ampla colonia de persoas galegas que por razóns de carácter social necesitan ser acollidas de xeito asistencial. Deste xeito, esta entidade, sen ánimo de lucro, creou en 2004 un centro de día, co obxectivo de promover o apoio socioasistencial das e dos maiores a través da súa atención integral, con carácter preventivo e asistencial, proporcionándolles actividades sociais, de esparexemento cultural, recreativo e asistencia de saúde. Nas instalacións do Centro ofrécese un servizo de atención a preto de 15 galegas e galegos residentes nesta localidade arxentina.   

A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con este fogar, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente na Arxentina e que estean a pasar dificultades vitais, “especialmente no caso dos máis maiores, un colectivo xa de por si vulnerable e que nesta pandemia está a ser o máis afectado”, explicou Rodríguez Miranda. 

A situación vivida polo virus da covid-19 obriga a este tipo de entidades a levar a cabo diferentes accións de prevención e hixiene o que supuxo, evidentemente, un importante desembolso en adquisición de material e contratación de persoal, polo que a Secretaría Xeral da Emigración continuará a manter a súa colaboración de xeito que poidan afrontar a actual situación.

649 lecturas