Case 140 alumnas e alumnos BEME participaron nas xornadas formativas sobre a incorporación ao ámbito laboral organizadas por Emigración

O secretario xeral, Antonio Rodríguez Miranda, destacou o emprendemento entre os temas que máis lles interesaron ás bolseiras e bolseiros galegos do exterior que están a cursar un mestrado nunha das nosas tres universidades. 

Imaxe das xornadas formativas que se desenvolveron esta semana
Imaxe das xornadas formativas que se desenvolveron esta semana
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2021.

Case 140 alumnas e alumnos galegos do exterior que están a cursar un mestrado nunha das tres universidades galegas a través dunha bolsa BEME participaron nalgunha das tres sesións formativas sobre a incorporación ao ámbito laboral organizadas esta semana pola Secretaría Xeral da Emigración.

Nestas tres xornadas, presentadas cada unha delas polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participaron como relatores e relatoras Belén Casal, experta en CEO e quen, ademais, aportou a súa experiencia como bolseira emprendedora, Juan Montoro, técnico de identidade empresarial e representante dunha empresa beneficiaria dunha axuda ao retorno emprendedor, e Modesto Gómez, xestor de talento e formador en habilidades, como relator encargado de expoñer as cuestións máis importantes a ter en conta na busca activa de emprego, tanto por conta allea coma propia. 

Rodríguez Miranda valorou moi positivamente estas xornadas, destacando o interese dos bolseiros e bolseiras polo emprendemento e polas oportunidades que ofrece Galicia como lugar para traballar e asentar o seu futuro. “Nós estamos a darlles as ferramentas necesarias para que a súa experiencia e o seu currículo de excelencia lles sirvan para poñer en marcha iniciativas propias que enriquezan a nosa sociedade”, engadiu.

Estas xornadas, que dan continuidade á realizada xa como benvida en setembro, realizaranse proximamente de xeito mensual para que se poida conseguir a integración no mercado laboral galego do máximo número de bolseiras e bolseiros. 

623 lecturas