A Xunta impulsa a atracción e retención de talento en Galicia ao colaborar con 2M€ na contratación de máis de 100 profesionais de alta cualificación en actividades de I+D+i

Estes programas, incluídos na Estratexia Galicia Retorna, axudan a contribuír ao regreso dos galegos e galegas do exterior con experiencia e alta cualificación.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación activa dous programas para fomentar o emprego cualificado e nos que primará os contratos de máis longa duración, o salario que se percibirá, a existencia de plans de formación nas empresas e o acceso da muller ao mercado laboral.

A sexta convocatoria do Principia permitirá que empresas e organismos de investigación incorporen 100 mozos e mozas de ata 35 anos de idade, con apoios de ata 10.000 euros por contrato, mentres Talento Sénior, que chega á súa cuarta edición, facilitará a contratación de arredor de 14 tecnólogas e tecnólogos ou investigadoras e investigadores doutores con máis de cinco anos de experiencia para que desenvolvan a súa carreira profesional en Galicia. 

As anteriores convocatorias destes programas permitiron ata a data a incorporación de 578 profesionais cualificadas e cualificados
As anteriores convocatorias destes programas permitiron ata a data a incorporación de 578 profesionais cualificadas e cualificados
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2021.

A Xunta, a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vai activar nas próximas semanas dúas novas edicións dos programas Principia e Talento Sénior, dotados con 2,1 millóns de euros no seu conxunto, co obxectivo de continuar a xerar, reter e atraer talento a Galicia. Con estas iniciativas, a Administración autonómica continúa a fomentar o emprego cualificado baixo a premisa de que o capital humano é o factor diferencial máis importante á hora de determinar o desempeño innovador das empresas e entidades. 

Estes programas, incluídos na Estratexia Galicia Retorna, axudan a contribuír ao regreso dos galegos e galegas do exterior con experiencia e alta cualificación.

Así, a sexta edición do programa Principia, cun orzamento de 1.080.000 euros, permitirá que empresas e organismos de investigación contraten persoal técnico, mozo e cualificado, para abordar actuacións de I+D+i, prevendo a incorporación de arredor de 100 mozos e mozas de ata 35 anos de idade. Os apoios serán de 10.000 euros por contrato, que debe ter unha duración mínima dun ano e estar formalizado desde o 1 de xaneiro do ano 2021 e ata o 1 de novembro de 2021. As entidades que o soliciten poderán ademais ser beneficiarias dun bono de formación por un importe de 1000€ por cada traballadora ou traballador incorporado mediante este programa. 

Por outra banda, a través da cuarta convocatoria de Talento Sénior facilitarase a contratación de arredor de 14 tecnólogas e tecnólogos ou investigadoras e investigadores doutores con máis de cinco anos de experiencia en empresas, organismos de investigación non universitarios públicos e privados e centros tecnolóxicos. 

Con Talento Sénior, o obxectivo é a atracción e retorno deste persoal de alta cualificación para que continúe desenvolvendo a súa carreira profesional en Galicia, así como estimular a demanda no sector público e privado deste tipo de perfís para acometer proxectos de I+D+i. Os incentivos á contratación variarán entre un 40% e un 60% en función da retribución bruta, que será dun mínimo de 40.000 euros. Os contratos serán dun período mínimo de tres anos e poderán estar formalizados desde o pasado 1 de xaneiro ata o vindeiro 1 de outubro. 

As anteriores convocatorias destes programas permitiron ata a data a incorporación de 578 profesionais cualificadas e cualificados (542 a través de Principia e 36 mediante Talento Sénior) a actividades de I+D+i nas empresas e centros de coñecemento galegos, grazas a apoios por 10,4 millóns de euros que permitiron mobilizar preto de 19 millóns. 

Emprego feminino 
Con estas iniciativas búscase impulsar o emprego cualificado e de calidade, primando, nos seus criterios de avaliación, os contratos indefinidos ou de máis longa duración, o salario a percibir para a contratación de traballadoras e traballadores, ou a existencia de plans de formación nas empresas. 

Tamén se impulsa o emprego feminino e a incorporación das mulleres ás actividades de I+D+i. As convocatorias contan con medidas de fomento da participación feminina no eido da ciencia e a innovación, incluíndo nos criterios de adxudicación unha importante reserva de puntos para os perfís femininos. O obxectivo final é contribuír a un sistema de innovación máis igualitario en Galicia. 

Estas actuacións compleméntanse con outras liñas que forman parte do Programa Talento 2018-2021, como é o Oportunius, que desde a súa posta en marcha axudou a realizar cinco contratos a gañadoras e gañadores ERC; e Ignicia, que permitiu o apoio de máis de 120 postos de traballo; así como os programas de apoio ás etapas predoutorais e posdoutorais. 

Con estas iniciativas contribuíuse a incrementar o persoal dedicado a actividades no ámbito da I+D+i en Galicia, e así, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), esta cifra aumentou na Comunidade nun 18,34% na última lexislatura, seis puntos máis que a media do Estado, chegando aos niveis máis altos de toda a serie histórica con 10.085 persoas en I+D e 6.724 investigadoras e investigadores. Ao mesmo tempo séguese a incrementar a incorporación das mulleres ás actividades de I+D+i, representando o 41,20%, por riba da media nacional que é do 40,62%.

608 lecturas