A Xunta convoca a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para o próximo 8 de febreiro

A convocatoria da reunión, que será telemática, foi publicada hoxe no DOG.

A reunión tratará as novas axudas a entidades e a persoas galegas do exterior no contexto Covid, así como o estudo da planificación dos diferentes programas para este ano. 

Imaxe da reunión da Comisión Delegada do CCG celebrada o pasado mes de decembro
Imaxe da reunión da Comisión Delegada do CCG celebrada o pasado mes de decembro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2021.

A Secretaria Xeral da Emigración informa da publicación no DOG de hoxe, 22 de xaneiro, da convocatoria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas que se celebrará de xeito telemático o próximo 8 de febreiro. 

Durante este encontro, analizaranse as novas ordes de axudas que están a punto de publicarse e as novidades que presentan no actual escenario mundial da covid-19. Deste xeito, exporanse as liñas de axudas económicas individuais, as axudas para equipamentos, actividades, funcionamento e obras das entidades do exterior, así como as bolsas BEME para universitarias e universitarios e as axudas de emerxencia social. 

Ademais, tamén se porá sobre a mesa a planificación dos diferentes programas a desenvolver este ano coas entidades, en especial, tendo en conta que estamos xa a celebrar o Xacobeo. Entre os temas a tratar estará tamén a celebración do Día da Galicia Exterior.  

O órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade está conformado por doce entidades electas, catro representando aos galegos e galegas de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outras catro que representan ás e aos galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. Como membros natos do organismo permanecen a Casa de Galicia de Montevideo (O Uruguai) e a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 persoas asociadas. 

A Comisión, que se reúne con carácter ordinario alomenos unha vez ao ano, está presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidente do Consello de Comunidades Galegas, e o vicepresidente é o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. 

458 lecturas