Miranda analiza coas entidades galegas na Comunidade de Madrid as súas necesidades na actual situación de pandemia

O secretario xeral da Emigración agradece o esforzo feito a prol da colectividade durante a “difícil situación que nos está a tocar vivir” e interésase por como están a vivir as consecuencias da tormenta Filomena.

O secretario xeral da Emigración, durante a videoconferencia cos e coas representantes das entidades galegas en Madrid
O secretario xeral da Emigración, durante a videoconferencia cos e coas representantes das entidades galegas en Madrid
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta tarde unha reunión de traballo coas entidades galegas na Comunidade Autónoma de Madrid  co obxectivo de coñocer as súas necesidades actuais ante a actual situación de pandemia que estamos a padecer. 

Na reunión estiveron presentes as e os representantes do Centro Gallego de Madrid, da Xuntanza de Galegos de Alcobendas, da Casa de Galicia en Alcorcón, da Banda de música e investigación Albedro, do Centro Cultural Gallego Lembranzas, da Asociación Galega Corredor de Henares, do Centro Gallego de Tres Cantos, da Casa Gallega de Fuenlabrada e da Agrupación Artística Gallega Rosalía de Castro.

O encontro permitiu ao titular do departamento autonómico analizar cos e coas representantes dos centros galegos desta comunidade a autónoma como se están a desenvolver as actividades previstas e que tiveron que ser modificadas para ser executadas de xeito telemático, xa que as entidades continúan coas súas instalacións pechadas.

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou o encontro para planificar o traballo con este colectivo para o presente ano, en especial tendo en conta que xa nos atopamos en pleno Xacobeo, o que vai a xerar maior número de iniciativas, aínda que sexan on-line. Así, recordoulles que, ante as actuais necesidades xeradas pola situación de pandemia na que nos atopamos, “a Xunta de Galicia incrementou, ata nun 50%, o apoio para gastos de funcionamento das entidades galegas o ano pasado”, tendo en conta a baixada de ingresos que está a supor a covid-19, e que se seguirá a reforzar no novo exercicio de 2021.

O secretario xeral quixo tamén animarlles a seguir traballando en prol do benestar da colectividade galega en Madrid, “un esforzo que valoramos enormemente dentro desta época de dificultades e imprevistos que está a xerar a pandemia da covid-19”. Ademais, tamén quixo coñecer as incidencias vividas nas últimas horas entre a colectividade pola tormenta Filomena que deixou fortes nevadas e numerosos problemas na comunidade madrileña. 

709 lecturas